Camiño de Santiago e Kumano Kodo abren a celebración dos seus 20 anos de amizade
O Camiño de Santiago e o camiño de Kumano Kodo de Xapón engadiron hoxe un novo capítulo á súa historia de colaboración coa apertura en Fitur da conmemoración dos seus 20 anos de amizade. Ambas rutas de peregrinación, dúas das máis importantes do mundo e protexidas pola Unesco, irmandáronse en 1998, comezando unha intensa relación que contribuíu a incrementar os lazos entre o país nipón e Galicia.
Os directores de Turismo de Galicia e da prefectura de Wakayama, Nava Castro e Nobuko Goto, reuníronse no expositor da Comunidade galega na 38ª edición da feira Fitur, en Madrid, onde subliñaron os valores comúns que ambos camiños de peregrinación comparten a pesar de ter xurdido en territorios a miles de quilómetros de distancia e cunha raíz relixiosa diferente. “O Camiño de Santiago e o Kumano Kodo forma parte de culturas en aparencia moi diferentes, pero o substrato que comparten avivouse ao longo destas dúas décadas desde a súa declaración de amizade”, afirmou a titular de Turismo do Goberno galego.
Na súa presentación, repasaron algúns dos paralelismos destes itinerarios da prefectura de Wakayama e Galicia, “o país do sol nacente, no afastado Oriente, e o lugar sinalado durante séculos como o fin do mundo”, no extremo occidental onde se poñía o sol. Castro lembrou que ambas rutas contan con símbolos que guían aos peregrinos, dispoñen dunha vestimenta tradicional, están rodeadas de natureza e posúen sobranceiras mostras do patrimonio cultural, que converte cada peregrinación “nunha viaxe apaixonante pola Historia”.
Riqueza cultural e diálogo
“Xestionar, promocionar e coidar un patrimonio tan valioso e tan apreciado é un auténtico orgullo”, declarou Nava Castro, quen resaltou a riqueza cultural e a oportunidade de diálogo que o Camiño de Santiago e o camiño Kumano Kodo representan hoxe para o mundo.
Ademais, celebrou que cada día sexan máis os peregrinos xaponeses que percorren a ruta xacobea. O país nipón rematou 2017 entre as 25 nacionalidades con máis representantes e, ademais, na última década, o seu volume de peregrinos multiplicouse ata por catro.