publicidade hoxe

A Xunta pon en marcha unha nova edición do programa parlamento Xove 2018

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereita
A-
A+

A Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, dependente da Consellería de Política Social, organiza dende hoxe e ata o vindeiro 9 de febreiro a fase de formación para os equipos inscritos na novena edición de Parlamento Xove. En total, serán sete xornadas de formación que se levarán a cabo nas localidades de Vigo, Vilagarcía de Arousa, Santiago, Pontevedra, Monforte de Lemos, Lugo e Vilalba. A día de hoxe, 45 grupos formalizaron a súa participación neste programa dirixido ao alumnado galego. E para aqueles que aínda non se apuntaran e queiran participar, aínda poden anotarse ate o vindeiro 31 de xaneiro.

Parlamento Xove é unha competición de debate na que os equipos formados por catro alumnos e un profesor empregan a oratoria para defender unha determinada posición acerca dun tema proposto pola organización. Esta iniciativa está estruturada en dúas categorías diferenciadas por idades e tramo educativo: unha para alumnado de 3º e 4º de Educación Secundaria Obrigatoria e outra para o de 1º e 2º de Bacharelato.

O programa realizarase en dúas fases, unha primeira fase clasificatoria da que xurdirán oito equipos gañadores por cada una das categorías, que se enfrontarán nunha fase final. Paralelamente, se desenvolverá un concurso voluntario de artigos de investigación sobre o tema formulado. A dificultade da actividade está en que só cinco minutos antes de cada encontro dialéctico procederase ao sorteo da postura a adoptar por cada equipo, ‘a favor’ ou ‘en contra’, en relación á cuestión formulada.

No que respecta á edición deste ano, o emprazamento elixido para a fase clasificatoria é o Centro Residencial Docente A Coruña (Culleredo), que acollerá o 24 de febreiro a referida á categoría de ESO, mentres que o 3 de marzo farán o propio os equipos pertencentes á categoría de Bacharelato. O tema desta fase clasificatoria será: “A educación ambiental nos centros educativos, ¿significaría evitar incendios como os acaecidos en outubro de 2017 en Galicia?”.

Parlamento Xove nace dun modelo participativo que permite aos mozos e mozas desenvolver a capacidade de levar a cabo diálogos respectuosos e produtivos e permítelles medrar no emprego de ferramentas democráticas. Os mozos realizan debates de carácter argumentativo que permiten a discusión sobre o tema proposto no que gañarán non os equipos que necesariamente teñan a razón, senón os que mellor sustenten as súas ideas.

O obxectivo desta iniciativa é fomentar entre a xuventude o diálogo como ferramenta para argumentar razoadamente as ideas propias; ao tempo que se potencian as habilidades individuais e grupais promovendo a selección de información, a expresión oral e escrita, as competencias básicas, a orixinalidade, a argumentación razoada, o traballo en equipo, a comunicación e a convivencia. Tamén se fomenta a tolerancia, a toma de conciencia no comportamento democrático e respecto polas ideas dos demais.

Parlamento Xove, como actividade na que participa alumnado e profesorado de centros educativos, contribúe ao desenvolvemento de practicamente todas as competencias básicas como a competencia lingüística, nos seus catro ámbitos (expresión oral e escrita; e compresión oral e escrita); a competencia matemática, xa que en todos os debates manexan datos e porcentaxes que avalan a súa argumentación; tratamento da información e competencia dixital; a competencia social e cidadá que contribúe á convivencia dado que o traballo realízase en equipo; a competencia cultural e artística dado que nos debates se esixe o emprego de figuras estilísticas e capacidade de retórica; e a competencia para aprender e iniciativa persoal.

24 de xaneiro de 2018 | 19:32 • Sen comentarios

Comentarios pechados.