A Xunta impulsa a especialización e o acceso ao mercado laboral de 60 novos titulados coas bolsas do programa ReAcciona
O director do Igape, Juan Cividanes, salientou hoxe en Santiago a importancia da participación de novos titulados nos procesos de mellora competitiva das pemes galegas, ao abeiro de programas como o ReAcciona que impulsa a Xunta. Durante a súa participación na primeira xornada formativa para os 60 bolseiros seleccionados, que en datas próximas comezarán a incorporarse a empresas, clusters e entidades colaboradoras, destacou tamén a importancia de impulsar a especialización e o acceso ao mercado laboral de novos titulados.
Esta iniciativa leva ofrecido a máis de 400 bolseiros, nas sucesivas convocatorias, un itinerario específico de especialización, que inclúe formación previa especializada e un período de prácticas dun ano no que prestarán servizos en distintas pemes e organismos intermedios, titorizados por diferentes expertos. O director do Igape salientou que máis do 62% dos titulados que remataron o seu período como bolseiros nas dúas últimas convocatorias acabaron incorporándose ao mercado laboral de xeito inmediato.
A través das bolsas promovidas pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, os beneficiarios reciben formación previa especializada en diferentes áreas relacionadas coa profesionalización e desenvolvemento estratéxico das pemes, antes do período de prácticas. O obxectivo final é que os bolseiros se especialicen e teñan mellores posibilidades de acadar emprego, colaborando na implantación de proxectos de mellora competitiva en empresas, clústers, entidades ou axentes integrados na Unidade Galicia Emprende, sempre baixo a coordinación do Igape.
O proceso de selección dos bolseiros baseouse no expediente académico, a formación adicional, a titulación obtida e o coñecemento de idiomas. As titulacións dos seleccionados son diversas predominando ADE/Economía, que supón máis dun 38% do total; seguida de Enxeñería, que supera o 25%; Bioloxía/Biotecnoloxía ou Dereito, que supón un 14% en cada caso; e a Química cun 7%.
As bolsas enmárcanse no programa ReAcciona, co que o Igape facilita a prestación dun abano de servizos avanzados de mellora competitiva ás pemes galegas. A incorporación de novos titulados á prestación destes servizos permítelles acadar experiencia e incrementar as súas posibilidades de acadar emprego na peme coa que colaboran, a través da súa bolsa ou, en xeral, nas empresas coas que manteñen contacto durante o programa formativo.
Cividanes destacou que o programa de bolsas formativas reforza o potencial do ReAcciona, que xunto co ReAcciona TIC, busca impulsar a competitividade das pemes galegas a través da especialización do capital humano e a modernización dos procesos. O obxectivo final é mellorar a xestión e a competitividade das empresas e potenciar o seu desenvolvemento estratéxico no marco da Industria 4.0.