A Xunta duplica a oferta de emprego público para 2018 coa convocatoria nos vindeiros meses de 1.919 prazas
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, adiantou hoxe que o Goberno galego duplicará con respecto ao ano anterior a oferta de emprego público para 2018 coa convocatoria, nos vindeiros meses, de 1.919 prazas en 30 especialidades diferentes, algo que permitirá consolidar Galicia como a comunidade coa mellor taxa de interinidade de España.
Durante a rolda de prensa do Consello, Feijóo subliñou que as prazas repartiranse do seguinte xeito: 1.050 profesores de ensino secundario, o dobre que o ano pasado; 160 profesores técnicos de FP, duplicando tamén a cifra de 2017; 30 profesores de Escolas Oficiais de idiomas, que o ano pasado non se convocaran; 574 mestres; e 105 catedráticos de música e artes escénicas para os conservatorios superiores.
Así mesmo, precisou que as oposicións arrancarán antes de que remate o curso escolar e teñen que estar finalizadas antes de que empece o seguinte curso.
Segundo o máximo responsable do Goberno galego, o obxectivo da lexislatura é baixar a taxa de interinidade no entorno do 5-7%, a metade da que existe na actualidade (13%) e, polo tanto, Galicia seguirá sendo a comunidade autónoma con menos interinos na educación e, por tanto, con máis estabilidade neste ámbito.