publicidade hoxe

A Xunta destina 1,5 millóns de euros para cursos de ensinanzas pesqueiras co obxecto de garantir a remuda xeracional no sector

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrolLocal PortadaPortada dereita
A-
A+
Rosa Quintana na visita á aula de seguridade

Rosa Quintana na visita á aula de seguridade

A Consellería do Mar destinará máis de 1,5 millóns de euros para cursos de ensinanzas pesqueiras non regradas de aquí a 2019. Así o avanzou hoxe a conselleira do Mar, Rosa Quintana, durante unha visita á aula de seguridade da Escola Oficial Náutico Pesqueira de Ferrol, onde estivo acompañada pola directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez.

Alí, a conselleira reiterou a aposta decidida da Xunta de Galicia pola formación náutico pesqueira como vía para avanzar na remuda xeracional e para dotar o sector pesqueiro, marisqueiro e acuícola de sustentabilidade e competitividade. Por este motivo, especificou a conselleira, ampliamos considerablemente o presuposto para a oferta formativa non regrada (cursos cunha duración menor que os ciclos formativos habituais) en relación cos anos precedentes.

Nesta liña, Rosa Quintana sinalou que se está comprobando que a formación vai en aumento, de aí o compromiso da Xunta por manter e mellorar os fondos. Ao tempo explicou que ese aumento se ve reflectido nos datos de matrículas efectuadas nos centros de ensino náutico-pesqueiro dependentes da Consellería, nos que o número de alumnos matriculados en ciclos de formación regrada aumentou nun 10% nos últimos oito anos.

Ademais, a conselleira do Mar lembrou que, no caso concreto da Escola Oficial Náutico Pesqueira de Ferrol, a matrícula na formación regrada aumentou nun 124%, pasando de 42 alumnos en 2009 aos 94 deste curso. En relación ao curso pasado, as matrículas subiron nun 7%. No caso concreto da formación impartida na aula de seguridade, o número de alumnos que recibiu formación nela incrementouse nun 147%, pasando de 97 persoas formadas no 2016 ás 240 de 2017. Así mesmo, o número de cursos impartidos nesta aula tamén aumentou nun 337%, pasando de 8 cursos dados no 2016 a 35 no 2017.

EONP Ferrol

A Escola Oficial Náutico Pesqueira de Ferrol forma ao alumnado en diferentes especialidades de mecánica naval, de pesca e de transporte marítimo a través de ciclos regrados. Ademais, imparte outros cursos de formación non regrada como son o de patrón costeiro polivalente, patrón local de pesca, mariñeiro pescador, mariñeiro de ponte, de máquinas, patrón portuario, radar de punteo automático e operador do sistema mundial de socorro e seguridade marítima. Tamén se poden obter neste centro os certificados de formación básica, avanzado de loita contra incendios e de embarcacións de supervivencia e botes de rescate non rápidos.

16 de xaneiro de 2018 | 16:16 • Sen comentarios

Comentarios pechados.