publicidade hoxe

A Xunta convoca unha nova edición do concurso de carteis para o certame de novos creadores Xuventude Crea

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereita
A-
A+

A Xunta de Galicia, a través da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Consellería de Política Social, vén de abrir o prazo para participar no concurso de deseño do cartel do certame de creadores novos ‘Xuventude Crea 2018’. Nesta nova convocatoria poderán participar todos os mozos e mozas de entre 18 a 30 anos, ambas inclusive, e residentes en Galicia, agás o gañador do premio na edición do ano anterior.

Así as cousas e segundo as bases da convocatoria, as persoas interesadas poderán participar con dúas obras orixinais, inéditas e en galego, ben de xeito individual, ben en grupo. En canto ao formato dos traballos, estes deberán presentarse en formato vertical cunhas dimensións de 50×70 centímetros e montadas en superficie ríxida. O tema e a técnica serán libres pero deben incluír obrigatoriamente o texto ‘Certame Xuventude Crea 2018’, así como as 13 especialidades que o compoñen: artes plásticas (pintura e escultura), banda deseñada, moda, fotografía, deseño de xoias, graffiti, música, poesía, relato breve, teatro, cociña, videocreación e, como novidade na edición do ano 2018 o programa inclúe unha nova modalidade artística, vinculada á cultura urbana, como é o skate. En canto ao prazo de admisión de proxectos, este se estenderá desde hoxe mércores e rematará o vindeiro 28 de febreiro. O gañador ou gañadores desta nova convocatoria recibirá un único premio de 500 euros.

O Programa Xuventude Crea ten entre os seus obxectivos fomentar a participación e creatividade xuvenil, como mostra da iniciativa e do talento que amosa a mocidade galega; facilitarlle aos mozos e mozas as plataformas nas que manifesten a súa inquedanza artística e cultural, ao mesmo tempo que desenvolven as súas capacidades e habilidades.

‘Xuventude Crea’ é a maior manifestacións das posibilidades creativas da xuventude galega. Na edición do 2017 participaron un total de 376 mozos e mozas galegas ou residentes en Galicia, con idades comprendidas entre os 16 e 30 anos. Foron presentados un total de 299 proxectos individuais e en grupo para as doce especialidades previstas, con 50 proxectos premiados e 69 mozos e mozas galardoados. Cada unha das especialidades conta con tres premios, que poden ser compartidos: o primeiro, de 3.000 euros; o segundo, de 1.500; e o terceiro, de 1.000 euros.

24 de xaneiro de 2018 | 19:14 • Sen comentarios

Comentarios pechados.