publicidade hoxe

A Xunta avanza un investimento de 300.000 euros nas obras de acondicionamiento da travesía de Noia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal PortadaNoia
A-
A+

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, avanzou hoxe un investimento de preto de 300.000 euros na reforma da travesía de Noia, o que suporá unha mellora na seguridade viaria e favorecerá a mobilidade desta área.

Concretamente, actuarase no treito da travesía de Noia (AC-311) comprendido entre a estación de servizo e a igrexa de San Bernardo, onde se colocarán beirarrúas onde non existen e renovaranse as que hai. Estas obras licitaranse neste primeiro trimestre do ano.

A conselleira de Infraestruturas, acompañada do delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, e o do alcalde, Santiago Freire, supervisou hoxe o remate das obras de reparación da estación de autobuses de Noia.

As obras de reparación da estación de autobuses supervisadas hoxe tiñan un prazo de execución de 6 meses, e, a día de hoxe xa están rematadas, logo dun investimento de 180.000 euros.

Esta actuación dirixiuse a reforzar a fachada e tellado, renovación da cuberta da dársena; a reparación dos canalóns da cuberta do edificio; a colocación de fachada ventilada nas frontes máis expostas ás inclemencias meteorolóxicas; e a renovación dos cadros eléctricos, o que transforma estas instalacións en máis cómodas e eficientes.

Estas obras forman parte do Plan Renove de estacións de autobuses, que se veñen desenvolvendo en distintas terminais de Galicia para mellorar o servizo que se lle presta aos viaxeiros e contribuír, deste xeito, á promoción do transporte público.

Nesa liña, a responsable de Infraestruturas salientou os beneficios do Plan de Transporte Público de Galicia, que está a supoñer en Noia un reforzo do 50% dos servizos de transporte e unha mellora na cobertura territorial, sobre todo, no rural.

Destacou que supuxo melloras significativas, como a implantación da modalidade de transporte escolar compartido en 3 liñas, o que permite aos veciños aproveitar os asentos baleiros dos autobuses escolares para os seus desprazamentos, dispoñendo de máis paradas e tamén máis cerca das súas casas.

Por outra banda, a conselleira anunciou que se dará continuidade á senda executada na AC-550, en Orro á que se destinarán preto de 40.000 € e comezarán as obras neste primeiro trimestre.

29 de xaneiro de 2018 | 16:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.