publicidade hoxe

A Xunta aproba definitivamente o proxecto da mellora de seguridade viaria na estrada OU-105

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaOurensePortada dereita
A-
A+

A Consellería de Infraestruturas e Vivenda publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) o anuncio polo que se aproba o expediente de información pública e definitivamente o proxecto de construción de mellora da seguridade viaria na estrada OU-105, ao seu paso por Seixalbo, cun investimento de 900.000 euros.

No seguinte enlace ao DOG pódese ampliar a información relativa a este anuncio: https://goo.gl/M8GKsg

Trátase dun proxecto dialogado e acordado co Concello e cos colectivos veciñais, que consistirá nunha actuación completa nun treito de 1,5 km, entre a zona do tanatorio e onde finalizan as vivendas, baseada na mellora da mobilidade peonil da zona, na reordenación do tráfico e no reforzo do firme.

Para mellorar a accesibilidade a Seixalbo levarase a cabo unha actuación na intersección existente coa rúa Igrexa e construirase unha glorieta no camiño de Zaín, que tamén dá acceso ao citado núcleo. Ademais habilitaranse carrís centrais de espera para permitir os xiros cara a esquerda con máis seguridade, e dotarase a zona de aparcadoiros en liña.

En canto ao fomento da mobilidade peonil, disporanse 3 pasos de peóns, dotándoos cos correspondentes semáforos con pulsador e de iluminación específica. As paradas de autobús existentes adecuaranse e recolocaranse despois dos pasos de peóns, de modo que ao baixar do bus este non reste visibilidade sobre o paso, tal e como ocorre agora.

Este proxecto tamén contempla a execución de novos treitos de beirarrúas e a reparación das existentes, adaptándoas tamén á normativa de accesibilidade. Ademais, construirase unha senda ciclista sentido subida ao longo de todo o treito.

8 de xaneiro de 2018 | 16:30 • Sen comentarios

Comentarios pechados.