A Xunta achega tres millóns de euros para fomentar o emprego de maquinaria agrícola en réxime asociativo
A Consellería do Medio Rural segue a fomentar o uso de maquinaria agrícola en réxime asociativo na nosa comunidade, co fin de introducir novas tecnoloxías no emprego deste tipo de equipamentos, á vez que se racionalizan os custes de mecanización, se reducen as emisións contaminantes e se fomenta o aforro enerxético. Para iso, o departamento que dirixe Ángeles Vázquez, achega tres millóns de euros á orde de axudas para promover a utilización de maquinaria e equipamentos de carácter agrícola e que sairá publicada en breve no Diario Oficial de Galicia (DOG).
Así o anunciou hoxe a directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo, na presentación en Santiago da Feira Internacional de Maquinaria Agrícola (FIMA) de Zaragoza. “Non é casualidade que a FIMA se presente hoxe en Galicia: somos, tras Andalucía, a segunda comunidade autónoma que rexistra maior número de maquinaria, máis de 160.000 unidades inscritas, o que representa preto do 15% do total nacional”, declarou a responsable de Gandaría, e engadiu que no pasado ano producíronse 14.095 altas de maquinaria agrícola, unha adquisición que apoiamos decididamente dende a Xunta de Galicia, a través da Consellería do Medio Rural.
O ano pasado 20 entidades foron beneficiarias destas achegas, por unha subvención doutros tres millóns de euros. Trátase de cooperativas agrarias e Cooperativas de Utilización de Maquinaria Agrícola (CUMA) e Sociedades Agrarias de Transformación (SAT).
Estas axudas, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia 2014-2020, subvencionará a compra de maquinaria agrícola ata unha achega do 40% dos custos, aínda que nalgúns casos pode chegar ata o 50%. Tamén son susceptibles de subvención os gastos derivados de estudos técnico-económicos de viabilidade.