publicidade hoxe

A rehabilitación das casas dos mestres en Cualedro permitirá poñer á disposición dos veciños 5 vivendas protexidas en alugueiro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCualedroLocal PortadaOurense
A-
A+

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, xunto coa delegada territorial da Xunta en Ourense, e o alcalde de Cualedro, Luciano Rivero, visitou hoxe as vivendas dos mestres deste municipio, que se van rehabilitar cun investimento de 360.000 euros, para poñer a disposición dos veciños que máis o precisen 5 novas vivendas protexidas en alugueiro, con 3 dormitorios e 73 metros cadrados.

Segundo espuxo o alcalde, o Concello de Cualedro prevé licitar e executar as obras neste mesmo ano 2018.

Vázquez Mourelle explicou que a Xunta achegará o 86 % do investimento a través das ordes de axuda de mellora da eficiencia enerxética das vivendas propiedade dos concellos e a recentemente creada subvención para rehabilitación das vivendas de mestres.

A titular de Vivenda destacou este caso como un bo exemplo de cómo o entendemento entre as administracións públicas facilita unha mellor oferta de servizos públicos para os cidadáns. Concretou que é unha tarefa especialmente importante cando se trata dunha materia tan necesaria e de relevancia social como o dereito a unha vivenda digna.

Este edificio de Cualedro está en estado de abandono, pero estruturalmente permite o seu aproveitamento cun custe inferior ao que suporían unhas vivendas de nova construción. Gracias a esta iniciativa, Cualedro poderá contar con novas vivendas protexidas para alugar ás familias que o necesiten.

Estas actuacións están enmarcadas no Programa do Goberno Galego situado na Estratexia de Rehabilitación, cun triplo obxectivo: social, polo que supón para dar facilidades de acceso á vivenda; potenciación e desenvolvemento do rural, porque esta liña de axudas vai destinada a concellos de menos de 20.000 habitantes, para fixar poboación no rural; e económica e ambiental, porque a rehabilitación é unha iniciativa máis sostible ademáis de xerar más emprego por millón de euros.

En concreto, o ano pasado a Xunta adxudicou axudas para rehabilitar 16 vivendas de mestres, 7 delas na provincia de Ourense, e xa está aberta a convocatoria de axudas deste ano, de case 1M€, que permitirá continuar na recuperación deste tipo de edificacións en Galicia.

A conselleira animou a que outros concellos se acollan a estas axudas, polo que significan dende o punto de vista social, de desenvolvemento do rural e económico e ambiental.

30 de xaneiro de 2018 | 16:53 • Sen comentarios

Comentarios pechados.