publicidade hoxe

A escasa choiva e unha temperatura de case un grao por riba do valor medio deixaron un 2017 seco e caloroso

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereita
A-
A+

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio vén de facer público o resumo do Informe Climatolóxico do ano 2017 do que se conclúe que os menos de 1.000 l/m2 de choiva media rexistrada e unha temperatura de case un grado por en riba da media fan do 2017 un ano moi seco e moi caloroso. A directora xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, Cruz Ferreira Costa, informou esta mañá en rolda de prensa do contido deste informe elaborado por MeteoGalicia.

Tal e como indicou a directora xeral, a precipitación media rexistrada para a serie rexional foi de 966 l/m2, é dicir un 24% por debaixo do valor medio da serie no período 1981-2010, polo que se considera un ano moi seco. De feito, o mes de abril rexistrou unha media de días de chuvia de 2,6, e só os meses de febreiro, marzo e maio superaron a media de dez días de choiva.

No referente á temperatura media, cun valor de 14.4 ºC, esta estivo por encima do valor climático esperado, cunha anomalía de +0.8 ºC, polo tanto considérase un ano moi cálido, sendo o terceiro máis cálido da serie, despois de 2011 e 1997.

Precisou que no caso da temperatura máxima media anual, esta tamén foi extremadamente cálida, a máis alta da serie histórica, cunha anomalía de +1.34 ºC; mentres que a temperatura mínima rexistrou unha anomalía de +0.21 ºC.

Ferreira Costa tamén fixo unha descrición por meses, entre os que destacou o mes de xaneiro, pola persistencia das situacións anticiclónicas, que propiciou unha frecuencia moi superior á normal de días secos e fríos. Dentro deste mes destacou o día 26, xornada na que a protagonista foi a abundante neve.

As temperaturas rexistradas no día 9 de abril que superaron os 30 ºC en moitas localidades -incluso en Arnoia se acadaron os 34.3 ºC-, deixaron un abril con temperaturas moi elevadas para esta época do ano. Isto foi debido ás altas presións situadas ao norte da Península Ibérica, que bloquearon o achegamento de borrascas do Atlántico e que favoreceron a entrada de aire cálido procedente do sur da península e do norte de África.

Asemade, esta ausencia de borrascas ocasionaron que o mes se considere extremadamente seco, cun valor medio de 2,6 días de choiva e cunha porcentaxe de precipitación rexistrada dun 83% inferior ao normal, a porcentaxe máis baixa da serie xunto coa ano 1982. De feito, tan só se rexistraron tres xornadas de precipitacións en todo o mes.

As situacións anticiclónicas que afectaron á Comunidade durante gran parte do mes de outubro foron as responsables de que este mes quedase caracterizado pola escaseza de choiva e temperaturas moi elevadas para esta época do ano. De feito, a anomalía de temperatura media situouse en 2.43 ºC por enriba, o que permite afirmar que outubro foi un mes extremadamente cálido. Asemade, as precipitacións estiveron un 79% por debaixo do normal, o que deixa un número medio de días de chuvia de 4,5, unha cifra moi afastada dos 10 que se deberían acadar en gran parte da Comunidade nesta época do ano.

Informe de raios

A directora xeral de Calidade Ambiental tamén presentou os datos relativos aos balance de raios, que revela que no ano 2017 en Galicia caeron case 50.000 raios (47.937), un 136% máis que no ano anterior, e pasa a ser o ano con más número de raios detectados sobre Galicia desde que comezou a operar a rede.

Recordou que Galicia conta cunha rede de detección de descargas eléctricas nube-terra que permite a monitorización de treboadas en tempo real. O sistema permite tamén estimar as posibles evolucións a moi curto prazo (nowcasting) destes fenómenos. A rede está composta por catro detectores de raios, un en cada provincia da Comunidade, concretamente en Alto do Rodicio (Ourense), Castro Ribeiras de Lea (Lugo), Mabegondo (A Coruña) e Vigo Campus (Pontevedra).

Dos 47.937 raios rexistrados en 2017, un 63% corresponden a raios negativos (orixínanse na parte inferior da nube) e un 37% positivos (parte superior da nube). O maior porcentaxe en ambos casos acadouse no mes de maio, cun 16% de positivos e un 34% de negativos, respecto do total anual. De feito, o día cun maior número de raios foi a xornada do 26 de maio, cando a rede detectou 18.271 raios, dos cales 9.562 caeron sobre Galicia, o que representa un 20% dos rexistrados ao longo do ano.

Tendo en conta a distribución por provincias, o maior número de raios concentrouse na provincia de Lugo (19812- 41%) e Ourense (17632 – 37%), séguelle Pontevedra (5610 – 12%) e finalmente A Coruña (4883 – 10%).

Tanto o informe climatolóxico relativo ao ano 2017, como o informe de raios, están dispoñibles na web de MeteoGalicia por se precisan ampliar esta información.

24 de xaneiro de 2018 | 19:27 • Sen comentarios

Comentarios pechados.