publicidade hoxe

O obradoiro de emprego de Cambre e Sada amplía as expectativas laborais de vinte alumnos da área sociosanitaria

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCambreLocal PortadaSada
A-
A+

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, visitou hoxe aos alumnos-traballadores do obradoiro de emprego Cambre-Sada Proxedis (Profesionais en Xeriatría e Discapacidade), que formará durante os vindeiros nove meses a 20 desempregados dos dous concellos. Rodeiro estivo acompañado polos alcaldes, Óscar García Patiño e Óscar Benito Portela. O encontro celebrouse no Centro Municipal de Formación de Cambre, no polígono industrial do Espíritu Santo.

Os alumnos-traballadores recibirán formación tanto teórica como práctica na especialidade de atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais. Aínda que o programa de estudos inclúe a correspondente parte teórica, os participantes terán oportunidade de adquirir experiencia práctica na institución benéfico social residencia de anciáns Padre Rubinos, no Centro Aspace, na residencia García Hermanos en Betanzos, no centro Pai Menni tamén en Betanzos, no centro Aspronaga e na residencia de maiores e centro de día de Cáritas interparroquial.

Cambre-Sada Proxedis está financiado pola Conselleria de Economía, Emprego e Industria, e o seu equipo docente está composto por unha directora, catro mestras e unha auxiliar administrativa. Está dotado cun investimento de 280.000 euros e está previsto que conclúa o 26 de xuño de 2018. Ao remate do curso, os alumnos-traballadores recibirán un certificado de capacitación profesional con validez en todo o Estado que lles habilita para empregarse nas especialidades nas que se formarán durante os vindeiros nove meses.

Ovidio Rodeiro fixo fincapé no “obxectivo claro de dar formación a persoas desempregadas de cara a que logren reincorporarse ao mercado laboral”. “Non podemos esquecer ademais”, engadiu, “que grazas a estes obradoiros os beneficiarios accederán a un contrato laboral”. Salientou a importancia da colaboración entre os concellos “para facer unha fronte común na loita polo desemprego, unha tarefa na que estes dous alcaldes están a dar unha lección de entendemento e posta da política ao servizo dos cidadáns”.

O delegado territorial tamén sinalou que “os obradoiros forman parte da Axenda 20 para o Emprego, a planificación do Goberno galego en materia laboral para impulsar o emprego estable e de calidade”, e coa que se pretende en 2020 reducir a taxa de paro ata o 10% coa creación de polo menos 80.000 novos empregos e a creación ou conversión de 50.000 contratos en indefinidos.

5 de outubro de 2017 | 17:01 • Sen comentarios

Comentarios pechados.