publicidade hoxe

Cores Tourís analiza co alcalde de Silleda as necesidades xurdidas a causa dos lumes

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaSilleda
A-
A+
Cores Tourís na visita á zona afectada en Silleda

Cores Tourís na visita á zona afectada en Silleda

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, mantivo esta mañá unha reunión co alcalde de Silleda, Manuel Cuíña, co obxectivo de analizar as necesidades do municipio tralos o lumes sufridos recentemente.

Na reunión tamén estivo presente o xefe territorial de Medio Rural, Antonio Crespo.

José Manuel Cores Tourís púxose a disposición do rexedor “nestes duros momentos” e recordoulle que o Goberno galego aprobou xa un decreto de medidas urxentes co obxectivo de paliar e reparar, na medida do posible, os danos provocados polos lumes. Tamén agradeceu aos veciños da localidade, os membros das brigadas de extinción e a Garda Civil a súa labor neses días para axudar a frear os incendios e evitar que os danos foron maiores.

Ambos comprobaron a situación da empresa máis afectada polo lume, unha granxa avícola, que perdeu case 9.000 polos, e que terá que ser completamente reconstruída.

“Dende a Xunta queremos facer especial fincapé nas vivendas pero tamén nas empresas e os autónomos afectados, o é o caso desta granxa”, engadiu o delegado territorial, quen destacou que xa se está a traballar cos concellos afectados de cara a concretar o alcance dos danos sufridos nas infraestruturas públicas así como nas traídas de auga parroquiais e palialos. “Tamén se iniciaron xa os primeiros estudos de afectación sobre o patrimonio natural, co obxectivo fundamental de evitar que, a causa das chuvias, as cinzas cheguen aos ríos e mesmo ás costas”.

Deste xeito, Cores Tourís lembrou que o decreto aprobado recentemente polo Consello da Xunta recolle tamén que as persoas que sufriron perdas materiais, especialmente aquelas que viron como o lume afectaba ás súas casas ou as súas empresas, dispoñan tanto de asesoramento como de axudas.

Neste senso, tamén lle solicitou ao concello, “como xa o estamos a facer co resto dos municipios afectados”, unha primeira avaliación dos danos en infraestruturas públicas afectadas polo lume, desde a iluminación pública ata o mobiliario urbano e as vías de comunicación ou os sistemas de abastecemento de auga. Ademais, “tamén se está xa a traballar na análise dos ríos e das costas co obxectivo de minimizar o risco de que as precipitacións provoquen riadas; planificar a reforestación da superficie afectada, cando sexa preciso, e rexenerar así o patrimonio natural”.

Tanto o delegado territorial da Xunta como o alcalde de Silleda, destacaron o feito de que tódalas administracións estean a traballar de xeito conxunto e coordinado para intentar axudar o máis axilmente posible aos concellos afectados “e, en especial, aos veciños que tiveron peor sorte nesta vaga de lumes”, rematou Cores Tourís.

25 de outubro de 2017 | 16:41 • Sen comentarios

Comentarios pechados.