publicidade hoxe

A Xunta destina 800.000 euros a accións para o fomento da contratación no Porriño

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaO Porriño
A-
A+

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Economía, Emprego e Industria, destinou máis de 800.000 euros ao Concello do Porriño para distintas accións de fomento da contratación nos últimos dous anos. O municipio pontevedrés beneficiouse así das distintas liñas de subvencións activadas polo Goberno galego para promover a empregabilidade, tales como accións formativas ou de incentivo á contratación.

Así, no 2016 o Concello do Porriño recibiu 180.000 euros para o desenvolvemento do obradoiro de emprego Covelo I, cantidade que renova este ano por un importe de 280.000 euros para a posta en marcha do Covelo II. A través deste programa os beneficiarios reciben formación e un contrato de traballo durante os nove meses que abrangue.

Ademais, a localidade pontevedresa beneficiouse dunha achega de 97.000 euros no marco do plan AFD (Accións Formativas para Desempregados) activado pola Xunta de Galicia.

Neste senso, cómpre sinalar que o Concello do Porriño solicitou a contratación de 20 perceptores da Renda de Integración Social de Galicia (Risga) e que lle suporía unha axuda a maiores de 120.000 euros, que servirán para financiar a totalidade dos custos salariais destas persoas (incluída a cotización á Seguridade Social).

Estas axudas non son illadas posto que a Administración autonómica conta con outros mecanismos enfocados a incentivar o emprego. É o caso do Plan de captación de investimentos no que se apoian os preto de 4,2 millóns de euros destinados a melloras nas infraestruturas de 59 parques empresariais galegos, dos que 190.000 euros corresponden aos polígonos do Porriño. O obxectivo destas achegas é, ademais de mellorar o servizo que se presta ás compañías xa instaladas e contribuír ao impulso da súa competitividade, a atracción de novos investimentos con capacidade para xerar riqueza e emprego cara aos municipios.

Por outra banda, a Dirección Xeral de Comercio e Consumo na súa aposta polo asociacionismo comercial está a apoiar con máis de 350.000 euros actuacións nun total de sete prazas e nove centros comercias abertos da área de Vigo. Entre elas, a praza de abastos do Porriño ten concedida unha axuda de 40.000 euros.

5 de setembro de 2017 | 16:59 • Sen comentarios

Comentarios pechados.