publicidade hoxe

A consellería do Mar reforza a seguridade no vial de acceso ao peirao de Ribadeo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaRibadeo
A-
A+

A Consellería do Mar, a través do ente público Portos de Galicia, investiu 200.000 euros nas obras de estabilización do noiro derrubado sobre o vial de acceso ao porto comercial de Ribadeo, que veñen de rematar. Así o comunicou esta mañá a titular do departamento autonómico, Rosa Quintana, nunha visita á zona na que constatou a fin dos traballos.

Quintana, que estivo acompañada polo presidente de Portos de Galicia, José Juan Durán, explicou que a actuación foi tramitada por procedemento de emerxencia logo de que na madrugada do pasado 11 de maio se producise o derrubamento parcial do noiro, sen que tivesen que lamentarse outros danos sobre o vial. As primeiras accións, orientadas a sinalización, recollida de escombros e estudio de estabilidade, deron comezo xa o propio día 11, dada a necesidade urxente de evitar novos derrubes e garantir a seguridade no vial.

Segundo informou a conselleira, unha vez realizadas as primeiras actuacións de valoración de danos, a mediados do mes de xuño iniciouse o traballo de estabilización definitiva do noiro, tanto na parte do derrube como nas zonas contiguas. Para elo, unha vez retirados os elementos suspendidos, dotouse dunha forma estable ao noiro a través da instalación de elementos de fixación, como bulóns (listóns metálicos afincados na parede de terra) e malla metálica de suxeición de alta resistencia.

Finalmente, unha vez desbrozada a zona e saneado o noiro, instaláronse unha malla de triple torsión para conter a caída de elementos pequenos. Ademais, na parte inicial do noiro realizouse un pequeno muro de formigón ancorado nos bulóns existentes e noutros que se instalaron para reforzar os existentes ata o momento.

Rosa Quintana aproveitou a súa visita ao porto de Ribadeo para visitar tamén os traballos de pavimentación da explanada portuaria de Mirasol, que veñen de rematar. Esta actuación foi executada en resposta á demanda das empresas de transportes que operan nesta zona do porto ribadense e contaron cun investimento de máis de 40.000 euros.

17 de agosto de 2017 | 14:47 • Sen comentarios

Comentarios pechados.