A Xunta inviste 28.500 euros nas melloras dos colexios de Covas e Santa Rita de Galdo, en Viveiro
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria inviste 28.500 euros en obras de mellora que se executan de cara ao vindeiro curso nos colexios de Covas e Santa Rita de Galdo, no concello de Viveiro.
Así o confirmou o delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, que incidiu na necesidade de “revisar constantemente as necesidades dos centros e atendelas conforme ás prioridades, porque a aposta por unha educación pública de calidade reflíctese tamén nunhas instalacións modernas e confortables”.
Balseiro explicou que ao longo do mes de xullo executaranse obras na conexión do Colexio de Educación Infantil e Primaria (CEIP) Santa Rita á rede de saneamento municipal. Neste mesmo centro, xa se realizaron traballos para a posta en marcha dun ascensor, mentres que no CEIP de Covas rematou tamén a reparación da cornixa de formigón, proxecto no que se investiron 14.000 euros.
O delegado lembrou que a Consellería de Cultura e Educación realiza durante o verán obras de mellora en centros educativos de primaria e secundaria de toda a provincia. “Temos neste momento máis de medio centenar de proxectos en marcha, coa intención de rematalos todos antes de que comece o vindeiro curso para así evitar os trastornos que as reparacións ou reformas poden ocasionar sobre a actividade lectiva”, afirmou.