Goretti Sanmartín defende un novo modelo de cooperación nos concellos de Ortigueira e Cariño
A vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín Rei, xunto cos deputados Xosé Regueira e Xesús Soto, visitaron os concellos de Ortigueira e Cariño e reuníronse cos seus alcaldes Juan Penabad Muras e José Miguel Alonso ademais de con representantes dos grupos municipais cos que valorou o impacto positivo do Plan Único de Concellos na xestión dos municipios.
O Concello de Ortigueira recibe no presente ano un total de 1.624.368 € en achegas da Deputación da Coruña dos que 1.284.388 € proveñen directamente do novo Plan Único de Concellos o que supón segundo destacou na súa visita a vicepresidenta Goretti Sanmartín Rei na xuntanza co alcalde Juan Penabad Muras e representantes dos grupos con representación no pleno, “unha nova forma de relación coas entidades locais ás que se lle outorga unha total autonomía de maneira que poden decidir o destino dos cartos públicos, sen a tutela provincial”.
Desta maneira, como se pode contemplar nas distintas partidas do Plan Único de Concellos, o Concello de Ortigueira destina unha parte importante da achega ao pago de provedores e redución da débeda con entidades financeiras, o que suporá un relevante paso no saneamento das súas contas. A través do Plan Único en Ortigueira estanse a sufragar tamén gastos correntes por un total de máis de medio millón de euros que se destinan a servizos como limpeza viaria, alumeado público, parque e biblioteca, centro que foi unha das paradas, xunto co Teatro da Beneficencia, da visita da vicepresidenta Goretti Sanmartín xunto cos deputados Xosé Regueira e Xesús Soto. En canto aos investimentos, a través do Plan Único o concello decidiu acometer melloras no Pavillón Polideportivo, acondicionamento da Rúa Príncipe da Vila de Santa, ou a accesibilidade da residencia de maiores ademais da pavimentación de pistas.
Goretti Sanmartín destacou, ademais do impacto do Plan Único na maior autonomía, previsión e transparencia no reparto dos fondos públicos, a centralidade que na xestión da Deputación da Coruña están a ter as liñas de concorrecia competitiva cun reparto con criterios obxectivos polas que o concello de Ortigueira recibirá este ano arredor de 300.000 €. Destas subvencións beneficiarase, entre outras iniciativas, o Festival do Mundo Celta, un referente e un dos mellor valorados na nova liña dedicada a estes eventos de música, artes escénicas e audiovisual. A programación cultural chegará tamén a través da Rede Cultural da Deputación da Coruña que programará en Ortigueira, entre outros espectáculos, concertos e proxeccións, o concerto da banda de Visantoña, a actuación de piano de Tamara Lorenzo, o espectáculo de Pedro Brandariz ou o monólogo de David Noya.
A visita continuou por volta de mediodía no Concello de Cariño que este ano administrará os 335.145,89 € do Plan Único de Concellos dos que 207.471 dedicará a sufragar gasto corrente deixando 127.674 € para investimentos con destino a beirarrúas e outras actuacións no casco urbano, segundo se analizou na xuntanza mantida co alcalde José Miguel Alonso Pumar e representantes dos grupos con presenza na corporación municipal. Ao importe total do Plan Único compre sumar 181.567 € de subvencións nas distintas liñas de concorrencia competitiva dos que 31.503,38 son para unha Rede Cultural que levara a Cariño actuacións de Banda de Música Santiago de Arteixo, a Banda Eduardo Pondal, McKuin: Tributo Queen, De vacas, Coanhadeira ou o Mago Antón e o Mago Teto entre outras propostas. En total, está previsto que a Deputación da Coruña destine ao Concello de Cariño un total de 547.712, 89 € a través de distintas liñas e do Plan Único de Concellos.