A Xunta informa a área de Vigo das axudas e subvencións para a promoción da igualdade neste 2017
A Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral da Igualdade, vén de convocar as axudas e subvencións a entidades locais para a promoción da igualdade correspondentes ao 2017. As subvencións obxecto de esta convocatoria achegan 4.247.778,04 euros en toda a Comunidade, o que supón un aumento do 0,29% respecto ao importe do pasado exercicio, cofinanciados polo Fondo Social Europeo.
Segundo informou hoxe a secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, nunha sesión informativa celebrada en Vigo, este tipo de axudas distribúense en tres liñas de actuación: programa de apoio aos centros de información ás mulleres (CIM), 3.401.029,24 euros en dúas anualidades; programa de fomento da conciliación, 494.748,8 euros; e programa de prevención e tratamento integral da violencia de xénero, 352.000 euros.
O pasado ano foron nove os concellos beneficiarios da área territorial de Vigo que, en conxunto, recibiron do Goberno galego 352.630,20 euros: Baiona, Gondomar, Cangas, Moaña, Nigrán, O Porriño, Redondela, Soutomaior e Vigo. Este último foi o que recibiu a maior contía, de 55.000 euros, seguido por Redondela e Moaña, con 45.0000 euros respectivamente.
Tres liñas de subvencións
A liña de axudas para programas de fomento da conciliación engloba as medidas que os concellos adopten coa finalidade de facilitar a conciliación da vida persoal, familiar e laboral das persoas traballadoras. É o caso dos bancos de tempo, a través dun sistema articulado de intercambio destinado a subministrar servizos e/ou coñecementos, entre mulleres e homes dun contorno dado, cuxa medida é a hora de tempo.
A destinada a prevención e tratamento integral da violencia de xénero, inclúe intervencións orientadas a mellorar a situación das mulleres vítimas de violencia de xénero, das súas fillas e fillos, así como das persoas delas dependentes; e actuacións dirixidas á loita contra a explotación sexual, en xeral, e a prostitución en particular. Neste caso, na convocatoria de 2016 foron os concellos de Vigo (10.000 euros) e Redondela (1.940,40 euros) os que recibiron subvención.
En canto ao programa de apoio aos Centro de Información da Muller (CIM) ten como obxectivo reforzar a funcionalidade destas instalacións e consolidar os postos e o perfil profesional das persoas que prestan atención nelas. É subvencionable a existencia no cadro de persoal ou na relación de postos e traballo da entidade de prazas para persoal funcionario, laboral fixo ou indefinido para prestar servizos no CIM, para a atención a mulleres en situación de vulnerabilidade. Tamén será obxecto de axudas a contratación laboral temporal ou mercantil de profesionais para a prestación dos servizos de asesoramento xurídico ou de atención psicolóxica, así como para levar a cabo as funcións de axentes de igualdade ou de fomento do traballo en rede e de dinamización do territorio con enfoque de xénero.
Este último é o programa que recibe un maior volume de investimento. A contía alcanzou os 340.689,80 euros o ano pasado na área viguesa, sendo beneficiados os municipios de Baiona, Gondomar, Cangas, Moaña, Nigrán, O Porriño, Redondela, Soutomaior e Vigo.
Para o Goberno galego as entidades locais son os axentes idóneos, pola súa proximidade á cidadanía e polo coñecemento da situación específica da súa poboación, para desenvolver accións tendentes a garantir a igualdade entre mulleres e homes, a prevención e a erradicación da violencia de xénero, así como para establecer as condicións que posibiliten a participación das mulleres na vida política, económica, cultural e social.