publicidade hoxe

A Consellería do Mar inicia as obras de estabilización do noiro derrubado no peirao de Ribadeo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaRibadeo
A-
A+

A Consellería do Mar, a través do ente público Portos de Galicia, vén de iniciar as obras de estabilización do noiro derrubado sobre a vía de acceso ao porto comercial de Ribadeo. Así o comunicou esta mañá o presidente do ente público, José Juan Durán, nunha visita á zona.

Durán Hermida explicou que a actuación foi tramitada por procedemento de emerxencia por Portos de Galicia, logo de que na madrugada do pasado 11 de maio se producise o derrubamento parcial do noiro, sen que tivesen que lamentarse outros danos sobre a vía. O presidente de Portos engadiu que os traballos contan cun orzamento previsto de 200.000 euros e que as primeiras accións, orientadas á sinalización, recollida de escombros e estudio de estabilidade, deron comezo xa o propio día 11, dada a necesidade urxente de evitar novos derrubes e garantir a seguridade na vía.

Unha vez realizadas as primeiras actuacións de valoración de danos, vén de iniciarse o traballo de estabilización definitiva do noiro, tanto na parte do derrube como nas zonas contiguas. Para iso, unha vez retirados os elementos suspendidos, dotarase dunha forma estable ao noiro a través da instalación de elementos de fixación, como bulóns (listóns metálicos afincados na parede de terra) e malla metálica de suxeición de alta resistencia.

Finalmente, unha vez rozada a zona e saneado o noiro, instalarase unha malla de tripla torsión para conter a caída de elementos pequenos. Ademais, na parte inicial do noiro realizarase un pequeno muro de formigón ancorado nos bulóns existentes e noutros que se instalarán para reforzalos.

14 de xuño de 2017 | 17:38 • Sen comentarios

Comentarios pechados.