publicidade hoxe

O emprego da biomasa en Silleda suporá un aforro anual de 10.000 euros ao concello

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSilleda
A-
A+

O director xeral de Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces, destacou o compromiso da Xunta co fomento do uso de enerxías renovables durante a visita que realizou, acompañado do delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, ao novo proxecto de biomasa instalado na Casa da Música de Silleda. Esta iniciativa, xunto a que se levou a cabo no edificio do Concello, permitirá á Administración local un aforro anual de 10.000 euros.

A Consellería de Economía, Emprego e Industria apoiou, en 2016, con 41.000 euros as obras para a substitución da caldeira de gasóleo deste centro por un sistema de calefacción das instalacións municipais que, grazas ao uso de pellets como combustible, permitirá un importante aforro enerxético e económico, á vez que se contribúe á preservación do medio ambiente.

Ademais desta instalación, a Consellería de Economía, Emprego e Industria apoiou con máis de 21.000 euros un segundo proxecto na casa consistorial de Silleda. Entre os dous, a Xunta destinou máis de 62.000 euros que permitirán tanto un aforro económico -10.000 euros anuais- como enerxético -25.000 litros de gasóleo-.

En total, sete empresas e autónomos, catro concellos (Lalín, Dozón, Vila de Cruces e Silleda cun total de seis proxectos) e 58 persoas beneficiáronse das convocatorias de axudas realizadas no ano 2016 na comarca do Deza. Estas 71 actuacións recibiron máis de 230.000 euros de axudas por parte da Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través do Inega.

Tal e como lembrou o director xeral, ata o vindeiro 24 de abril está aberto o prazo de solicitude para optar a esta liña de apoios na que a Consellería investirá 4,6 millóns de euros para mobilizar unha inversión de 8 millóns, ademais dun aforro de 3,5 millóns de litros de gasóleo anuais e de 1,35 millóns de euros na factura enerxética. Grazas a estas axudas, en 2016 instaláronse nas administracións e empresas galegas un total de 226 caldeiras, o que supuxo un aforro económico de 800.000 euros ao ano e un aforro enerxético de dous millóns de litros de gasóleo.

Así mesmo, tamén ata o 24 de abril, os particulares poderán acceder a esta liña de apoios, dotada con máis de 2,2 millóns de euros dentro do Plan de Vivenda da Consellería de Economía, Emprego e Industria. Ao abeiro deste programa, os fogares galegos poden beneficiarse de axudas de ata 50.000 euros por proxecto.

Esta liña de apoios enmárcanse na Estratexia Integral de Impulso á Biomasa con fins térmicos, coa que a Xunta busca fomentar a eficiencia enerxética e diminuír o consumo de enerxías convencionais para reducir a dependencia enerxética do exterior, ao tempo que se impulsa a industria asociada e se mellora a xestión e o rendemento sustentable dos montes galegos.

20 de abril de 2017 | 16:38 • Sen comentarios

Comentarios pechados.