publicidade hoxe

Autorízase o uso temporal dos albergues de Gandarío e da Marina Española aos concellos de Bergondo e Sada

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBergondoLocal PortadaSada
A-
A+

A Xunta de Galicia autorizou o uso temporal das instalacións do albergue xuvenil de Gandarío ao concello de Bergondo e do albergue xuvenil Marina Española ao concello de Sada. Así o informou esta mañá o conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, durante a súa visita ás instalacións sitas en Gandarío e na que estivo acompañado polos alcaldes de Bergondo e Sada, Alejandra Pérez Máquez e Óscar Benito Portela Fernández, respectivamente.

O obxectivo desta concesión temporal responde á necesidade de rentabilizar o uso e aproveitamento destes espazos e de facilitar o seu desfrute á mocidade. Deste xeito, a Administración autonómica brinda o seu apoio ás administracións locais nas que se emprazan as distintas instalacións, permitindo o seu uso regulado e en atención a que as actividades para as que se solicita o uso temporal satisfarán intereses públicos e non interferirán nas actividades propias da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.

O titular autonómico indicou que se trata de instalacións nas que se prestan distintos servizos á xuventude galega e nas que o seu período de actividade coincide coa Campaña de Verán da Xunta de Galicia, durante a cal estes centros funcionan a pleno rendemento. Así mesmo engadiu que “con acordos coma os que temos con Bergondo e Sada, as administracións autonómica e locais facemos un uso máis racional e eficaz dos recursos públicos en prol da xuventude”, asegurou Rey Varela.

A autorización de uso no caso do Concello de Bergondo estará vixente ata o 31 de decembro do 2017 e grazas a ela, desenvolveranse actividades e programas dirixidas á poboación xuvenil, de xeito que se posibilite a ampliación da programación de actividades por parte do concello e dos seus centros educativos públicos. A través do acordo, a administración local comprométese a poñer a disposición da dirección do complexo xuvenil o persoal de obras e servizos xerais, a brigada de limpeza e alumnado de voluntariado para actuacións puntuais de apoio nas tarefas de limpeza, acondicionamento e mantemento que non requiran unha cualificación técnica para a súa execución.

No caso da autorización de uso para o Concello de Sada, esta terá vixencia ata o 31 de maio de 2017, mediante a cal se desenvolverán actividades por parte das escolas deportivas municipais e adestramentos e competicións oficiais de clubes e entidades deportivas da localidade.

Ambos concellos subscribiron sendas pólizas de seguro a todo risco, de perdas e danos materiais e de aseguramento de responsabilidade civil por posibles danos a terceiros.

Obras de mellora na accesibilidade no albergue de Gandarío

Consciente das limitacións existentes en materia de accesibilidade nas instalacións, a Consellería de Política Social realizou a finais do pasado 2016 diversas actuacións de mellora que se centraron na adquisición de equipamento de soporte e axuda ás transferencias para persoas con mobilidade reducida, así como equipamento de soporte posicional dos usuarios tales como guindastres, cadeiras de rodas para ducha, cadeiras anfibias para piscina e praia e coxíns posicionais.

Así mesmo, está executada unha primeira fase da obra de mellora de accesibilidade que consistiu no acondicionamento das instalacións aos criterios de accesibilidade universal e no reforzo das condicións de adaptación en baños de planta baixa e accesos en rampla. Todas estas actuacións garantirán nunha autonomía case completa dos usuarios con discapacidade.

3 de abril de 2017 | 20:07 • Sen comentarios

Comentarios pechados.