publicidade hoxe

A Faepac asesorará ao concello da Capela en materia de aforro e eficiencia enerxética

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CapelaA Coruña
A-
A+

A Fundación Axencia Enerxética Provincial da Coruña (FAEPAC), dependente da Deputación da Coruña, asesorará ao concello da Capela en materia de aforro e eficiencia enerxética. Así o establece o convenio asinado hoxe entre o presidente provincial, Valentín González Formoso, e o alcalde capelán, Manuel Meizoso

Os técnicos da FAEPAC realizarán unha análise enerxética das instalacións e dependencias municipais do concello, co obxectivo de establecer un plan personalizado de mellora da eficiencia enerxética, uso racional da enerxía e fomento de fontes renovables.

A axencia provincial tamén se compromete a prestar asesoramento técnico en todas as actuacións que desenvolva o concello da Capela en materia enerxética. Neste sentido, realizarase un seguimento e control do consumo de electricidade, auga quente e calefacción dos servizos públicos e manterase informado ao concello sobre as modificacións lexislativas e tarifarias, as convocatorias de axudas públicas e os novos materiais, produtos sistemas e servizos susceptibles de ser implantados nas instalacións municipais.

Así mesmo, a FAEPAC encargarase da formación do persoal do Concello, para que adquiran as competencias necesarias para asegurar a redución das emisións e a mellora da calidade ambiental no municipio.

González Formoso manifestou que, a través da prestación destes servizos, un dos obxectivos do actual goberno provincial é “revitalizar a FAEPAC axudando aos concellos a aforrar na factura eléctrica”, que para algúns municipios do ámbito rural supón xa a maior partida do gasto corrente.

Coas recentes incorporacións de Cariño e A Capela, a A FAEPAC continúa incrementando o número de concellos coruñeses aos que presta servizos de asesoría e de análise e control de facturación eléctrica, permitindo importantes aforros ás economías municipais. Así, durante o pasado exercicio, concellos coruñeses de entre 5.000 e 30.000 habitantes aforraron máis de 20.000 euros na factura eléctrica, e os de 3.000 a 5.000 reduciron os seus gastos anuais en máis de 50.000 €.

18 de abril de 2017 | 16:53 • Sen comentarios

Comentarios pechados.