publicidade hoxe

Os bloques de formigón do carril-bici na estrada entre Sada e Bergondo substitúense por elementos plásticos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaBergondoSada
A-
A+
Ovidio Rodeiro na visita ás obras na AC-162. Foto: M. Fuentes

Ovidio Rodeiro na visita ás obras na AC-162. Foto: M. Fuentes

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, visitou esta mañá as obras que se están levando a cabo na marxe dereita da estrada AC-162, que une Sada e Bergondo, e que consisten na eliminación dos separadores de formigón existentes entre a calzada e a senda ciclista que discorre paralela. Os traballos consisten en substituír uns 600 bloques por separadores plásticos, colocando un cada cinco metros. Deste xeito, a Consellería de Infraestruturas e Vivenda inviste 15.000 euros en dar resposta a una vella demanda dos usuarios deste camiño, nomeadamente os ciclistas.

Rodeiro explicou que os traballos estanse a realizar con cargo ao contrato de conservación integral e que está previsto que queden rematados nun prazo de 15 días, logo de mellorar preto de 1,5 quilómetros de estrada. A intervención e similar a outra xa acometida polo Goberno galego na provincia de Pontevedra, na estrada que une Baiona e A Guarda, nun treito considerado como punto de alta concentración de accidentes con ciclistas implicados.

O delegado territorial destacou a importancia destas “pequenas actuacións destinadas a protexer á parte máis vulnerable de todas as que comparten as estradas, os ciclistas e os peóns”. Sinalou que “as veces non é necesario grandes inversións para mellorar substancialmente a calidade de vida dos nosos veciños e, o que é máis importante, a súa seguridade”.

Logo da visita, na que estivo acompañado pola alcaldesa de Bergondo, Alejandra Pérez, Ovidio Rodeiro desprazouse á Casa do Concello, onde mantivo un encontro coa rexedora. Ambos os dous repasaron diversos asuntos de interese para o municipio e intercambiaron opinións sobre proxectos entre as dúas administracións.

30 de marzo de 2017 | 17:08 • Sen comentarios

Comentarios pechados.