publicidade hoxe

López-Chaves presenta a senda peonil e ciclista entre Amoedo e Pazos de Borbén na estrada PO-250

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPazos de Borbén
A-
A+
López-Chaves na visita a Pozos de Borbén

López-Chaves na visita a Pozos de Borbén

O delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, acudiu esta mañá ao Concello de Pazos de Borbén para presentar xunto ao alcalde do municipio, Andrés Iglesias Rodríguez, o itinerario peonil e ciclista na estrada PO-250, no treito Amoedo- Pazos de Borbén, entre os puntos quilométricos 6+500 e 7+320.

O obxectivo deste proxecto é a execución dunha senda na marxe dereita da estrada PO-250, que servirá para conectar as travesías de Amoedo e Pazos. A lonxitude total deste itinerario é de case 820 metros, cunha sección tipo que consta dunha senda de 2,5 metros de ancho separada da calzada por cuneta de seguridade, unha zona axardinada máis os bordos de separación; salvo nos últimos 70 metros, na zona urbana de Pazos, na que a sección se reduce eliminando a cuneta e a banda vexetal.

As obras previstas comprenden tamén outras actuacións necesarias para garantir a funcionalidade da senda executada. Así, levaranse a cabo a mellora da rede da drenaxe existente na zona, coa execución de foxo de seguridade e prolongación das obras de drenaxe transversal; execución de estruturas de contención de terras para ampliación da plataforma e execución da senda; ou a optimización da sinalización e o balizamento. Coa execución da senda existirá un itinerario peonil continuo nesta estrada entre Amoedo e Pazos de Borbén de máis de 2 quilómetros, xa que estes núcleos urbanos xa contan con beirarrúas.

Hoxe a Axencia Galega de Infraestruturas (AXI) publica no Diario Oficial de Galicia a licitación do contrato, que sae a concurso cun orzamento de máis de 220.000 euros. A obra está cofinanciada nun 80% polo Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020. O prazo para a presentación de ofertas rematará o vindeiro 25 de abril e o prazo de execución establecido é de tres meses. Neste enlace ao DOG pódese ampliar a información relativa a este anuncio.

Plan de Sendas

O proxecto de construción deste itinerario, enmarcado na primeira fase do Plan de Sendas de Galicia, na comarca de Vigo, á que a Xunta destinará 3,9 millóns de euros para a execución de 9 proxectos que contemplan 11 treitos identificados como prioritarios, foi aprobado o pasado día 3 de febreiro.

A Xunta está a executar este tipo de actuacións coa fin de promover unha mobilidade máis sustentable, favorecendo modos de desprazamento menos contaminantes e alternativos á utilización do vehículo particular, porque estas sendas permitirán que os usuarios poidan facer desprazamentos cotiás andando ou en bici dun xeito seguro.

30 de marzo de 2017 | 17:28 • Sen comentarios

Comentarios pechados.