publicidade hoxe

Goretti Sanmartín reafirma a aposta da Deputación pola cultura nos concellos na visita ao Museo do Gravado de Ribeira

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaRiveira
A-
A+

A vicepresidenta e responsábel da área de Cultura da Deputación, Goretti Sanmartín, defendeu a promoción da Cultura en todos os concellos na súa visita ao Museo do Gravado de Ribeira na que asistiu á inauguración da exposición “Emocións” de Oswaldo Guayasamín. Goretti Sanmartín estivo acompañada da deputada Ánxela Franco coa que se reuniu tamén con representantes das asociacións Barbantia e da Recuperación da Memoria Histórica do Barbanza.

A vicepresidenta e responsábel da área de Cultura da Deputación, Goretti Sanmartín, parabenizou ao Museo de Artes do Gravado á Estampa Dixital por ter creado en Ribeira “un espazo singular que ademais de achegar á poboación á arte do grabado convértese en lugar de referencia para artistas da comarca”.

Nunha visita en que participou tamén da inauguración da exposición “Emocións” de Oswaldo Guayasamín, co director do Museo do Gravado, Xoán Pastor e o alcalde de Ribeira e presidente da Fundación, Manuel Ruíz Rivas, Goretti Sanmartín gabou a “ousadía” do centro por “ter nacido fóra dos circuítos privilexiados da arte contemporánea. Dalgunha maneira, semella que as artes plásticas están reservadas para centros expositivos de cidades, e mesmo diría que, de determinadas cidades”.

Nese sentido, Goretti Sanmartín valorou o papel do Museo do Gravado de Ribeira á hora de achegar a arte contemporánea á xente a través da técnica que máis populariza as artes plástica ademais de abrir as portas “a que artistas que están a crear na Barbanza teñan aquí tamén a súa casa, nesa combinación de centro de exposición mais tamén de promoción da produción artística que é selo deste museo”.

“Desde a área de Cultura da Deputación da Coruña gústanos repetir a frase, “Cultura en cada concello, cultura para cada persoa” e, con esta idea, impulsamos as liñas de axuda dirixidas a Fundacións e entidades, para contribuír a que centros coma este podan acollerse ás subvencións en concorrencia competitiva, que é a forma, ao noso ver, máis xusta e obxectiva para que a cultura chegue a todos os concellos de maneira igualitaria”, sinalou Goretti Sanmartín na súa intervención no acto de inauguración que contou tamén coa intervención da crítica de arte, Fátima Otero e a cantante de ópera Paola Sperberg.

“A obra de Guayasamín non deixa indiferente, a defensa desa identidade propia, dese ser indixenista que partillaba, preséntase cargada de denuncia social, de defensa da igualdade e da xustiza como obxectivos tamén da súa arte”, afirmou Goretti Sanmartín na inauguración da mostra dun artista que expresou “a súa mensaxe en voz en berro, servíndonos tamén para as angustias dos nosos días, cando descubrimos que os nosos universos non son tan lonxanos e, talvez, a defensa da súa identidade é tamén a defensa da nosa existencia”.

Encontro coas asociacións

No marco da visita, a vicepresidenta da Deputación, Goretti Sanmartín, xunto coa deputada Ánxela Franco reuníronse tamén co presidente da A.C. Barbantia, Manuel Cartea e o da Asociación pola Recuperación da Memoria Histórica do Barbanza, Andrés Lijó, ademais doutros membros da dirección, co fin de coñecer de primeira man o seu traballo de dinamización cultural e recuperación da historia e poñer en común as distintas liñas de colaboración existentes. Entre outros proxectos, a A.C. Barbantia presentou a Romaría das Letras, os Premios Barbantia, os Encontros cos Nosos Escritores ou as presentacións mensuais de libros. A Asociación pola Recuperación da Memoria Histórica do Barbanza, pola súa parte, está a traballar nunha homenaxe ás vítimas da represión da comarca. Para o apoio a todos estes proxectos, Goretti Sanmartín explicou as distintas liñas de subvencións, en especial, as destinadas ao desenvolvemento de actividades das asociacións para as que poden presentar as distintas iniciativas até o vindeiro 7 de abril.

21 de marzo de 2017 | 17:28 • Sen comentarios

Comentarios pechados.