A Xunta colabora cos concellos galegos na cultura da eficiencia enerxética
O director xeral de Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces, asistiu hoxe en Riveira á clausura dunha xornada de eficiencia enerxética na que destacou a importancia da colaboración entre as administracións locais e a Xunta para conseguir incrementar o aforro tanto económico como eléctrico da iluminación pública. Neste sentido, puxo a renovación do iluminación pública como exemplo deste compromiso por traballar de maneira coordinada entre a Consellería de Economía, Emprego e Industria e os concellos para fomentar e impulsar a cultura da eficiencia enerxética.
O director xeral salientou que, desde 2011, as actuacións impulsadas desde o Instituto Enerxético de Galicia (Inega) supuxeron a renovación de 50.000 puntos de luz nos concellos galegos. En total, destináronse, neste período, 15,4 millóns de euros a axudas que permitiron un aforro eléctrico de 21.100 MWh/ano -equivalente ao consumo anual de 6.000 familias- e un aforro económico de 3 millóns anuais. Subliñou, ademais, que a iluminación publica é un elemento determinante de benestar e seguridade das persoas.
Por outra banda, nos últimos 4 anos, o Goberno galego apoiou máis de 1.000 proxectos de eficiencia enerxética no eido da industria e dos servizos, o que supuxo ter acadado un aforro enerxético anual equivalente ao consumo de 40.000 vivendas.
Así mesmo, ademais de impulsar o uso de enerxías renovables, unha das prioridades da Xunta é apoiar os fogares galegos para que poidan reducir a súa factura eléctrica. Para iso, a Consellería de Economía, Emprego e Industria activou o Plan de vivenda 2017 que, cun orzamento de 8,7 millóns de euros, inclúe axudas para a renovación de fiestras, ascensores, instalacións eléctricas comúns e de cubertas e fachadas.