publicidade hoxe

A Deputación de Ourense aproba un convenio en materia de medio ambiente cos concellos de Nogueira de Ramuín e Pereiro de Aguiar

A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense celebrada esta mañá no Pazo Provincial aprobou un convenio de cooperación cos concellos de Nogueira de Ramuín e Pereiro de Aguiar para a prestación, por parte da Deputación, de asistencia técnica na xestión da estación de tratamento de auga potable de Melias. Así o informou a deputada de Transparencia e Goberno Aberto da Deputación de Ourense, Montserrat Lama, quen deu conta dos acordos da Xunta de Goberno correspondente ao xoves 30 de marzo.

En concreto, o convenio establece que a Deputación de Ourense prestará asistencia técnica para o funcionamento ordinario da estación, o seu mantemento, a realización de analíticas e reposición de equipos, incluíndo o bombeo en fervenza e os depósitos situados en Agra de Arriba-Lamagrande e San Miguel-Faramontaos.

Por este servizo, o Concello de Nogueira de Ramuín aboará unha tarifa fixa mensual de 2.398,06 euros máis IVE e o Concello de Pereiro de Aguiar 7.194,18 euros máis IVE. Tamén haberá unha tarifa variable por cada metro cúbico de auga potable que se suministre desde a estación de bombeo de Melias.

Continuando no apartado de cooperación cos concellos, a Xunta de Goberno aprobou unha modificación do Plan Provincial ás obras e servizos municipais e da rede viaria provincial do exercicio 2017, relativa ao Concello de Xunqueira de Espadañedo, incrementando o orzamento do proxecto, con cargo á achega municipal, en 27.500 euros, polo que a obra de renovación da iluminación pública en Xunqueira pasa a ter un orzamento total de 82.500 euros.

En materia de asistencia social, na reunión aprobouse unha axuda directa de 2.500 euros ao Concello de Maceda que exercendo como entidade colaboradora, destinará esta cantidade a unha veciña da localidade de Casasoá, quen perdeu a súa casa e todas as súas pertenzas como consecuencia dun incendio acaecido no pasado mes de febreiro.

No relativo ao ámbito deportivo, a Xunta de Goberno aprobou unha axuda á Sociedade Deportiva Nogueira de Ramuín de 15.000 euros destinada aos gastos de funcionamento da entidade correspondentes á tempada 2016-2017.

Por último, aprobou a modificación das bases segunda e quinta que rexen a convocatoria para a concesión de axudas para proxectos de prestación de Servizos Sociais, concretamente o apartado referido aos beneficiarios desta iniciativa polo que se engade: os que presenten proxectos e actividades de emerxencia social (Liña A) esixirase que teñan unha sede, delegación ou domicilio na provincia de Ourense; os proxectos e actividades de prestacións de servizos sociais na provincia de Ourense (Liña B) e/ou os proxectos de conciliación e reactivación socio-demográfica na provincia de Ourense (Liña C) esixirase que teñan o seu domicilio ou centro de actividades autorizado na provincia de Ourense.

Así mesmo, no caso de que os proxectos e/ou actividades sexan presentados conxuntamente por dúas ou máis entidades, toda elas deberán cumprir cos requisitos esixidos, isto é, que cumpran os requisitos de domicilio descritos e estean inscritas nos rexistros correspondentes con data anterior á finalización do prazo de presentación de proxectos.

A outra das modificacións afecta ao prazo de presentación que finalizará o día 2 de maio de 2017.

30 de marzo de 2017 | 18:03 • Sen comentarios

Comentarios pechados.