publicidade hoxe

Rey Varela anima aos maiores de Fene a mellorar a súa calidade de vida a través dun envellecemento activo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFene
A-
A+
Rey Varela na visita ao centro sociocomunitario de Fene

Rey Varela na visita ao centro sociocomunitario de Fene

O Conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, desprazouse hoxe ata o centro sociocomunitario de Fene co obxectivo de coñecer de primeira man as instalacións e actividades que se desenvolven nas mesmas. Deste xeito, o titular autonómico continúa coa rolda de encontros coas entidades, organizacións e axentes coa finalidade de intensificar aínda máis as vías de diálogo e de colaboración en políticas sociais.

Os centros sociocomunitarios son centros de carácter polivalente, abertos a toda a poboación, dotados de recursos humanos, materiais e financeiros, nos que se fomenta o desenvolvemento de actividades de formación e animación sociocultural dirixidas a propiciar a interrelación entre os distintos sectores de toda a poboación, cunha especial dedicación ás acción relacionadas coa prevención da dependencia e coa autonomía persoal. O conselleiro declarou que dende o departamento autonómico se está a “relanzar os centros sociocomunitarios de acordo coa nosa estratexia de envellecemento activo que estará vixente neste lexislatura”.

Durante a visita, Rey Varela, destacou que a administración autonómica non é allea á importancia da integración das persoas maiores, “temos que facelos partícipes dos avances sociais, xa que eles tamén son quen os crean”, explicou. Por elo, a Xunta de Galicia aposta por centros coma o que hoxe visitou, espazos nos que as persoas maiores poden convivir e socializar entre eles, ao mesmo tempo que se manteñen activos a través das diferentes actividades que levan a cabo nas instalacións. “Dende a Xunta de Galicia estamos a organizar actividades nos centros sociais e sociocomunitarios coma este, adscrito á Consellería de Política Social, para que as persoas maiores de Fene manteñan un estilo de vida activo”, explicou o titular autonómico.

Para elo, os centros sociocomunitarios desenvolven todas aquelas actividades que demandan os usuarios, todas elas orientadas a manter e potenciar as capacidades intelectuais, físicas e creativas e a desenvolver os seus coñecementos informáticos. Deste xeito, os usuarios poden asistir a clases de ximnasia de mantemento, zumba, internet ou pintura entre outras.

A provincia da Coruña conta con centros sociocomunitarios pertencentes á Xunta de Galicia nos concellos de A Coruña, Mera, Ferrol, Fene, As Pontes, Corcubión, Pobra do Caramiñal, Muros e Santa Comba. Así mesmo, conta con centros sociocomunitarios integrados na Residencia de Maiores Torrente Ballester, na Residencia de Maiores Porta do Camiño, na Residencia de Maiores de Ferrol e na Residencia de Maiores de Carballo.

Ao fío disto, Rey Varela lembrou a futura construción das 7 residencias para maiores nas cidades galegas coas que se solventará o 90% da listaxe de agarda no acceso a prazas públicas para este colectivo. Con respecto á decisión dalgunhas persoas maiores a permanecer no seu domicilio, Rey Varela fixo fincapé en que “o queremos é garantir a liberdade de elección por parte das persoas, fomentando os recursos públicos existentes para os maiores que prefiran beneficiarse dunha praza nunha residencia”.

Estratexia Galega de Envellecemento Activo dende a Innovación

No marco desta visita, o conselleiro de Política Social lembrou que o pasado setembro aprobouse a nova Estratexia Galega de Envellecemento Activo dende a Innovación (ESGAEN) 2016-2020, que constitúe o marco de actuación para os vindeiros anos co que dar resposta ás novas necesidades que xorden asociadas ao aumento da esperanza de vida en Galicia. “O obxectivo é que os nosos maiores teñan unha calidade de vida mellor durante máis anos, garantindo unha vida activa saudable, independente e segura”, explicou Rey Varela.

Así, a estratexia galega sobre envellecemento activo aposta polo enfoque preventivo como unha das ferramentas máis efectivas e supón ademais a renovación do compromiso do Goberno galego para asegurar o benestar e a calidade de vida das persoas a medida que envellecen. Os seus destinatarios son todas as persoas de 55 ou máis anos de Galicia que desexen levar un estilo de vida independente, activo e saudable, potenciando ao máximo as súas capacidades e o seu desenvolvemento como persoas co fin de promover a súa autonomía persoal. Dentro dese grupo establécense uns colectivos clave para a Estratexia co obxectivo de ter en conta as necesidades específicas daqueles cunha maior vulnerabilidade: as persoas de idade máis avanzada (maiores de 80 anos), as persoas que envellecen na contorna rural, as mulleres maiores e as persoas maiores con discapacidade.

“Todos os que estamos aquí, debémoslle aos nosos maiores todo o que hoxe somos e do que desfrutamos, por elo, sempre atoparán o apoio da Xunta de Galicia”, concluíu Rey Varela.

27 de febreiro de 2017 | 17:33 • Sen comentarios

Comentarios pechados.