publicidade hoxe

Medio Ambiente recibirá a nova Edar de Ribeira cando se constate a solución dos cheiros detectados

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaRiveira
A-
A+

A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, trasladou aos veciños de Ribeira que a Xunta recibirá a nova Edar de Riberia no momento no que se constate a solución aos problemas de cheiros detectados nesta instalación. Así o puxo de manifesto na reunión celebrada esta tarde e na que participaron o alcalde de Ribeira, Manuel Ruíz Rivas, o director de Augas de Galicia, Roberto Rodríguez Martínez, e a directora xeral de Acuaes, Aránzazu Vallejo, xunto con representantes veciñais “que denuncian un problema e que este Goberno da a cara e escoita aos veciños para darlles solucións”.

A conselleira aclarou que a Xunta non está a executar a Edar de Ribeira e que na actualidade o sistema de saneamento e depuración atópase en período de probas, unha situación que se prolongará ata o mes de setembro. Engadiu que este tipo de período xustamente serve para ver se funciona ben e corrixir posibles defectos.

Mato Otero recordou que unha vez detectados os cheiros, activouse unha comisión de seguimento para establecer medidas ante as deficiencias detectadas, como a existencia de vertidos industriais á rede sen tratamento previo, así como outros incidentes menores, propios da fase de posta en servizo, para o que se paralizarán os bombeos e se procederá á limpeza de todas as canalizacións. Insistiu en que a Xunta estará vixiante para que se cumpran as condicións que permitan que a depuradora entre en servizo e funcione correctamente.

Tal e como indicou a conselleira, este é un compromiso claro, ao igual que o compromiso da Consellería de Medio Ambiente co Concello de Ribeira, que se pode cuantificar na Edar de Ribeira cun orzamento que supera os 19,3 millóns de euros, dos que a Xunta achega máis de 8,5 millóns de euros e que desde o ano 2009, se cuantifica en 55 millóns de euros na ría de Arousa.

20 de febreiro de 2017 | 17:24 • Sen comentarios

Comentarios pechados.