publicidade hoxe

Cores Tourís comproba os traballos de execución dunha nave para xestión de residuos na área 33 de Silleda

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSilleda
A-
A+
Cores Tourís na visita a Silleda

Cores Tourís na visita a Silleda

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá o concello de Silleda, para comprobar o remate das obras de construción dunha nave para a xestión de residuos no polígono Área 33 que se executaron grazas a orde de axudas da Consellería que permite mellorar a competitividade dos parques empresariais de Galicia.

Na visita, Cores Tourís estivo acompañado polo alcalde da localidade, Manuel Cuíña, e polo xefe territorial de Economía, Emprego e Industria en Pontevedra, Ignacio Rial.

Este concello, segundo apuntou o delegado territorial, resultou beneficiario dunha subvención ao abeiro da Orde de Axudas para a Habilitación e Mellora de Infraestruturas dos parques empresarias de Galicia. O orzamento foi de case 150.000 euros, dos cales a subvención da administración autonómica roldou os 120.000 euros, é dicir, o 80%.

O obxecto da actuación foi a construción dunha nave, duns 200 m2 de superficie, co fin de dispor dun lugar axeitado onde almacenar e xestionar, en contenedores axeitados, os residuos producidos polo concello de Silleda. “O polígono está a crecer, están a construirse novas naves e a implantarse novas empresas, isto fai que a cantidade de residuos producidos polo concello aumente considerablemente, feito polo que consideramos acertada a posta en marcha dun sistema destas características”, explicou José Manuel Cores Tourís.

“Estimamos que con esta nova infraestrutura poderanse xestionar 1.133,38 toneladas de residuos anuais”.

Segundo apuntou Cores Tourís, grazas a esta liña de axudas, o pasado ano puidéronse aprobar 11 proxectos para a provincia de Pontevedra cunha subvención global que superou lixeiramente os 908.000 euros. Así, executáronse obras de mellora de infraestruturas, beirarrúas, eficiencia enerxética, instalación de sistemas de vixilancia e acondicionamento de accesos en distintos polígonos.

“Con estas actuacións, o Goberno galego volveu a reiterar a súa aposta polos concellos como administración máis próxima aos cidadáns, impulsando unha liña que permite mellorar a súa actividade industrial, xerando postos de traballo e mellorando a competitividade do tecido empresarial galego”, engadiu o delegado territorial da Xunta en Pontevedra.

O polígono empresarial de Silleda, Área 33, xa foi beneficiario de outras axudas procedentes da Consellería de Economía, que permitiron en 2014 renovar 9.000 metros cadrados de vías e beirarrúas, cun investimento de 115.345 euros. A maiores, en 2013, a administración autonómica colaborou na instalación de seis cámaras de vixilancia para garantir a seguridade das empresas e traballadores do parque cun orzamento de 26.000 euros. Nese mesmo ano, destináronse case 120.000 euros para a instalación dun sistema de placas solares fotovoltaicas que permitirán o autoabastecemento do alumeado exterior, “o que supuxo un importante aforro a nivel enerxético”, rematou Cores Tourís.

15 de febreiro de 2017 | 17:20 • Sen comentarios

Comentarios pechados.