publicidade hoxe

Convócase a segunda edición do concurso de Cómic da Bibilioteca de Silleda

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSilleda
A-
A+

A Concellería de Educación de Silleda, que dirixe Pili Peón, vén de concocar o II Concurso de Cómic da Biblioteca Pública Municipal Daniel Castelao.  

Este ano a temática versará sobre Igualdade e Solidariedade e a dotación económica dos premios volverá ser de 1.200 euros. As bases xa poden consultarse dende hoxe na web municipal www.silleda.gal

Poderá participar de xeito individual ou por grupos, cun máximo de 3 persoas,  o alumnado dos centros de ensino do Concello de Silleda de educación Primaria e Secundaria (ESO).

O prazo para presentar os traballos remata o vindeiro día 31 de marzo. Os premios distribúense en asignacións económicas (para as excursións de fin de curso ou outras actividades que os centros consideren oportunas) e material didáctico e novas tecnoloxías. Establécense dúas categorías (para Primaria e Secundaria) con tres premios en cada unha delas, ao mellor cómic, mellor argumento e mellor ilustración.

Así, o mellor cómic terá un premio de 150 euros máis unha tablet para cada un do autor ou autores do traballo;  o mellor argumento levarán un premio de 75 euros máis material escolar para cada un dos participantes e a mellor ilustración outros 75 euros máis un lote de cómics para os autores.

A obra será orixinal, en branco e negro ou cor, realizada con técnica libre e en lingua galega. Deberá de presentarse en formato DIN A-3, dobrado pola metade para obter 4 páxinas.

Os traballos de banda deseñada deben de presentarse no Rexistro Xeral do Concello de Silleda, -aberto de luns a venres de 09:00 a 14:00 horas- , nun sobre pechado que irá acompañado da folla de inscrición (dispoñible tamén na web). Neste documento debe figurar o título do traballo, nome do autor/a ou autores/as, curso ao que pertencen e nome do centro de ensino.

Todas as obras participantes formarán parte dunha exposición na Casa da Cultura de Silleda.

A decisión do xurado, que estará formado por estará composto por persoas vencelladas á Biblioteca, ao mundo da cultura local, e por un/ha técnico/a da Concellería de Educación daráse a coñecer antes do vindeiro 15 de abril.

“Logo do éxito do pasado ano volvemos apostar por este certame para apoiar o fomento da creatividade entre o alumnado e ao mesmo tempo incentivar a súa participación para lograr fondos de cara ás excursións de fin de curso ou outras actividades”, sinala a concelleira de Educación, Pili Peón. Tamén resalta que coa temática deste ano “buscamos inculcar dous valores moi necesarios na nosa sociedade, como son a igualdade e a solidariedade”, engade, O pasado ano presentáronse 30 traballos, nunha convocatoria na que o concurso de cómic do Concello de Silleda se estreaba coas tradicións e o patrimonio local como protagonistas. 

21 de febreiro de 2017 | 17:07 • Sen comentarios

Comentarios pechados.