publicidade hoxe

A Xunta aproba o proxecto de construción dunha senda na estrada PO-250 cun investimento de 220.000 euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPazos de Borbén
A-
A+

A Consellería de Infraestruturas e Vivenda publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a resolución pola que se aproba o expediente de información pública e definitivamente o proxecto de construción do itinerario peonil e ciclista na estrada PO-250, no treito Amoedo- Pazos de Borbén, entre os puntos quilométricos 6+500 e 7+320.

O Goberno galego realizará un investimento de máis de 220.000 euros para levar a cabo estas actuacións. No seguinte enlace pódese ampliar a información relativa a esta resolución que hoxe publica o DOG: goo.gl/SF1Vu5

O obxectivo deste proxecto é a execución dunha senda na marxe dereita da estrada PO-250, que servirá para conectar as travesías de Amoedo e Pazos. A lonxitude total da senda é de case 820 metros, cunha sección tipo que consta dunha senda de 2,5 metros de ancho separada da calzada por cuneta de seguridade, unha zona axardinada máis os bordos de separación; salvo nos últimos 70 metros, na zona urbana de Pazos, na que a sección se reduce eliminando a cuneta e a banda vexetal.

As obras previstas comprenden tamén outras actuacións necesarias para garantir a funcionalidade da senda executada. Así, levaranse a cabo a mellora da rede da drenaxe existente na zona, coa execución de foxo de seguridade e prolongación das obras de drenaxe transversal; execución de estruturas de contención de terras para ampliación da plataforma e execución da senda; ou a optimización da sinalización e o balizamento.

Plan de Sendas

Este itinerario está enmarcado na 1ª fase do Plan de Sendas de Galicia, na comarca de Vigo, á que a Xunta destinará un investimento de 3,9 millóns de euros para a execución de 9 proxectos que contemplan 11 treitos identificados como prioritarios. Estas obras serán cofinanciadas polo Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020.

A Xunta está a executar este tipo de actuacións coa fin de promover unha mobilidade máis sustentable, favorecendo modos de desprazamento menos contaminantes e alternativos á utilización do vehículo particular, porque estas sendas permitirán que os usuarios poidan facer desprazamentos cotiás andando ou en bici dun xeito seguro.

20 de febreiro de 2017 | 16:37 • Sen comentarios

Comentarios pechados.