publicidade hoxe

O Punto Limpo de Ames alcanzou o número máximo de visitas chegando as 5.490 entradas en 2016

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAmes
A-
A+

Durante o ano 2016 o Punto Limpo, que está situado na rúa das Hedras do parque empresarial do Milladoiro, superou por segundo ano consecutivo as 5.000 entradas. Deste xeito, o ano pasado 5.490 usuarios e usuarias empregaron este servizo para depositar distintos tipos de refugallos. Trátase do número máximo de visitas rexistradas durante os 10 anos que leva este servizo funcionado. Ademais, o goberno municipal está traballando na posibilidade de crear un Punto Limpo na contorna de Bertamiráns, que preste servizo á poboación deste núcleo urbano, así como as parroquias próximas e a zona norte do municipio.

O concelleiro de Urbanismo, Obras Públicas e Servizos Básicos, Blas García, explica que “o Punto Limpo do Milladoiro continúa consolidándose no noso municipio, como unha proposta válida que reafirma a idea de traballar por unha mellora do medio ambiente, á vez que se promoven beneficios a través da reciclaxe do material plástico, vidro, aceites, electrodomésticos, mobles, metais, aerosois, etc. Boa proba diso é que desde que comezou o seu funcionamento a mediados de xaneiro de 2007, consolídase o número de usuarios ano tras ano, alcanzando durante o pasado ano 2016, as 5.490 entradas, cifra que é a máis alta durante os 10 anos que leva funcionando este servizo”.

Os veciños e veciñas de Ames depositaron ao longo do ano 2016; 34.355 quilos de electrodomésticos, 13 metros cúbicos de envases baleiros contaminados, 1.800 quilos de baterías de chumbo, 104 metros cúbicos de papel, 1.211 quilos de pinturas, 84 metros cúbicos de roupa, 118 unidades de aerosois, 1.082 luminarias fluorescentes e 670 metros cúbicos de voluminosos (colchóns, sofás, espumas). As achegas de madeira alcanzaron os 580 metros cúbicos, os aceites vexetais ascenden a 1.921 litros e os aceites minerais 503 litros. Ademais, superáronse os 690 metros cúbicos de cascallos procedentes de obras menores, 320 metros cúbicos de metais e os máis de 3.106 quilos de pneumáticos fóra de uso.

A empresa que xestiona este servizo, Urbaser, incide no seu compromiso co medio ambiente e reitera o seu chamamento á cidadanía de Ames para que continúe acudindo ao Punto Limpo xa que o seu éxito radica na colaboración e compromiso dos cidadáns. Coa recepción destes residuos domésticos neste recinto non só se contribúe á eliminación de vertedoiros incontrolados senón que se mellora a imaxe e limpeza das rúas ao eliminarse o depósito destes residuos habitualmente localizados á beira dos colectores.

Creación dun Punto Limpo en Bertamiráns

Por outra banda, cómpre salientar que dende o goberno municipal estase traballando para a creación do servizo de Punto Limpo nos arredores da localidade de Bertamiráns. Deste xeito, os veciños e veciñas deste núcleo urbano, así como as parroquias próximas e a área norte do concello disporían deste servizo. Blas García, destaca que “a nosa intención é mellorar o servizo que ofrece o Punto Limpo, e incluso, se é posible crear un novo punto na localidade de Bertamiráns ou na súa contorna”.

Horarios e teléfono de contacto

O Punto Limpo está situado na rúa das Hedras do polígono Novo Milladoiro e ata alí poden achegarse todos os veciños e veciñas de Ames para desfacerse de aqueles obxectos e materiais que non van aos colectores convencionais de materiais orgánicos, inorgánicos, vidro ou papel.

O centro está aberto preto de 40 horas semanais en xornada de mañá e tarde entre luns e o sábado. Así, o Punto Limpo abre de luns a venres de 10:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 18:00 horas. Os sábados o horario é de 9:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 20:00 horas. As persoas que teñan calquera dúbida poden chamar ao teléfono 981 536 688. Para a recollida de voluminosos e enseres a domicilio, os cidadáns teñen que chamar ao número de teléfono 981 19 12 40.

O Parque de Reciclaxe ou Punto Limpo é un centro de aporte voluntario, equipado de colectores específicos, capacitado para recibir residuos dos particulares censado en Ames que deberán acudir ao centro co DNI ou volante de empadroamento. O servizo é de balde para estes veciños. O Punto Limpo favorece a separación en orixe, contribuíndo ao reciclaxe dos residuos recollendo os enseres domésticos e participa na loita contra os vertidos incontrolados. 

31 de xaneiro de 2017 | 18:20 • Sen comentarios

Comentarios pechados.