publicidade hoxe

Medio Ambiente licita por 150.000 euros o contrato para o seguimento e control do acceso e uso público á praia das Catedrais

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaLugoRibadeo
A-
A+

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio licita hoxe no Diario Oficial de Galicia o contrato para o servizo de actuación de ordenación do uso público e divulgación dos valores naturais do Monumento Natural da Praia das Catedrais, por un importe de máis de 150.000 euros. Esta actuación está cofinanciada pola Unión Europea, a través do Fondo Europeo de Desenolvemento Rexional (Feder).

Con este contrato, a Dirección Xeral de Patrimonio Natural pretende mellorar o uso público do monumento natural durante os período de limitación de acceso á Praia das Catedrais, co que se inclúe o control e vixilancia das autorizacións, así como as actuacións divulgativas e de atención aos visitantes.

Así, este contrato cubrirá a ordenación do uso público do areal durante os períodos do verán deste ano e de 2018 e a Semana Santa de 2018 e 2019.

O grupo de traballo que se formalice deberá, ademais de levar o control dos visitantes que entran á zona do areal do monumento natural, ofrecer información aos visitantes que cheguen ao monumento natural sen a correspondente autorización sobre os lugares onde poden conseguila.

Tamén informarán aos visitantes sobre a normativa de uso público do monumento natural máis salientable, como a prohibición de ir por fora dos camiños e sendeiros, miradoiros e áreas de descanso, recolección de especies de fauna e flora, tirar cabichas e lixo fora dos lugares habilitados para este fin, realizar a escalada ou similares.

Será responsabilidade deste grupo de traballo xestionar e controlar as áreas de aparcamento, observar e facer seguimento do comportamento dos visitantes no monumento natural, e realizar visitas guiadas polo monumento natural explicando os procesos xeolóxicos que motivaron a formación do monumento natural, a súa evolución, así como os hábitats e especies existentes no espazo natural e as súas presións e ameazas.

Medida do Plan de Conservación

A Xunta de Galicia adoptou a decisión de controlar o acceso ao monumento natural das Catedrais, en Ribadeo, para aqueles períodos nos que se rexistraba unha maior afluencia, os meses de verán e o período vacacional de Semana Santa, fixando en en 4.812 persoas diarias o cupo máximo de acceso. Esta medida está recollido no Plan de conservación do Monumento natural, elaborado pola Xunta de Galicia.

O obxectivo desta folla de ruta é preservar e conservar este espazo, ao tempo que se fomenta un turismo sustentable. De aí que unha das súas principais medidas sexa evitar unha afluencia masiva, que podería producir alteracións no hábitat das especies e nos procesos erosivos da área.

O control dos visitantes articúlase ao redor da web https://ascatedrais.xunta.es/, a través dun proceso sinxelo e totalmente gratuíto. Os interesados só teñen que acceder á web, elixir a data na que queren visitar este monumento natural e obter a autorización precisa para facelo.

Verán de 2016

Os datos do último período de acceso controlado sinalan que un total de 247.770 persoas accederon entre os meses de xullo, agosto e setembro ao Monumento Natural da Praia das Catedrais, un 25% respecto dos datos rexistrados no mesmo período de 2015.

O reparto por meses é o seguinte: 81.903 foron en xullo, 116.885 en agosto e 48.982 en setembro; o que tamén se traduce en que se completou o aforo nun total de 29 días, tres no mes de xullo e 26 no mes de agosto; fronte aos cinco días rexistrados en 2015.

Segundo a procedencia obsérvase que a maioría veñen doutras comunidades autónomas, principalmente de Madrid, Barcelona, Valencia, Asturias, Sevilla, León e Biscaia; tendo en conta a información que facilitan ao solicitar a súa autorización a través da páxina web. O número de visitantes estranxeiros tamén se incrementou ata case os 8 puntos no computo global con respecto ao ano 2015, cando se rexistraron 7.184 fronte aos 18.356 desde ano, é dicir, duplicouse o número visitantes estranxeiros.

5 de xaneiro de 2017 | 11:27 • Sen comentarios

Comentarios pechados.