publicidade hoxe

Deputación de Lugo, Concello de Viveiro e RAG de Belas Artes desenvolverán actuacións conxuntas en homenaxe a Maruja Mallo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLugoViveiro
A-
A+

O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, mantivo este sábado no Pazo de San Marcos un encontro cos membros da Xunta de Goberno da Real Academia Galega de Belas Artes, no que tamén participou a Alcaldesa de Viveiro, María Loureiro. Na reunión, acordaron desenvolver actuacións conxuntas na provincia ao longo deste ano en homenaxe a Maruja Mallo, artista viveirense á que está dedicado o Día das Artes Galegas, que se celebrará o vindeiro 1 de abril. Por este motivo, Deputación, Concello de Viveiro e RAG de Belas Artes poñen en marcha a partires e agora unha estreita relación de colaboración para elaborar a programación de actividades coa que pór en valor a figura e obra de Maruja Mallo.

Campos Conde destacou que “Maruja Mallo foi un exemplo de valentía, liberdade e defensa dos dereitos das mulleres, nunha época de prohibicións e represión. É unha honra para a nosa provincia que esta artista viveirense, que estivo de bolseira durante 3 anos pola Deputación de Lugo, sexa homenaxeada pola RAG de Belas Artes, no Día das Artes Galegas deste ano. Esta pintora, foi unha das mulleres que liderou unhas das xeracións máis importantes e prolíficas da nosa historia, a do 27. Unha persoa comprometida coa identidade galega, que forma parte da esencia da nosa cultura e que segue a ser un referente para todos nós”.

No 2016, a RAG de Belas Artes aprobou, por maioría, elixir a candidatura de Maruja Mallo para a celebración do Día das Artes Galegas. Nesta deliberación, a Academia tivo en conta o significado do seu legado e da súa obra plástica, o seu contacto con artistas, escritores e intelectuais como Salvador Dalí, Federico García Lorca, ou Luis Buñuel, a súa integración ás vangardas, así como o seu carácter transgresor e defensa dos dereitos da muller. Durante todo o ano, a RAG de Belas Artes ten programado varias conferencias e actividades, para difundir a vida e obra da autora.

Entregadas por 1ª vez as pezas de ASPNAIS

Ao rematar a reunión, o Presidente quixo entregar aos membros da Real Academia de Belas Artes os novos obsequios institucionais, é únicos, da Deputación de Lugo. Foi a primeira vez que se fixo entrega destas pezas, elaboradas polos usuarios de ASPNAIS na súa totalidade, nos obradoiros de cerámica e carpintería deste colectivo social. Campos Conde puxo en valor “a arte dos artistas de ASPNAIS”.

Pleno da RAG de Belas Artes

A Xunta de Goberno da RAG de Belas Artes, celebrou o pleno da RAG de Belas Artes na Sala de Xuntas da Deputación. No pleno participaron o Presidente, Manuel Quintana Martelo, o Vicepresidente, Celestino García Braña, o Secretario Xeral, Felipe-Senén López Gómez, o Tesoureiro, Miguel Fernández Cid, o Archiveiro, Antonio Rodríguez Colmenero, e a Conservadora, María Victoria Carballo Calero.

A Real Academia Galega de Belas Artes está composta, na actualidade, por sete seccións: Pintura e Grabado, Escultura, Arquitectura, Música, Arqueoloxía e Museoloxía, Artes da Imaxe, e Expertos nas Artes. A Xunta de Goberno da RAG de Belas Artes celebra sesións ordinarias de forma mensual, e extraordinarias para asuntos de especial relevancia.

Maruja Mallo

Maruja Mallo naceu en Viveiro, en 1902, co nome de Ana María Gómez González e no seo dunha familia de boa posición. Xa moza, trasladouse a Madrid, onde mantivo relación con artistas como Margarita Manso, María Zambrano e Rafael Alberti. Durante a década de 1920 traballou para numerosas publicacións literarias e realizou portadas de varios libros, así como exposicións. En 1932 viaxou a París, onde entrou en contacto co surrealismo (coñeceu a Max Ernst, René Magritte, Joan Miró ou Giorgio de Chirico, entre outros), e participou en parladoiros con André Breton e Paul Éluard. Dende ese momento a súa pintura cambia radicalmente, influenciada polo surrealismo.

En 1937, debido á Guerra Civil que se estaba vivindo en España, viaxa a América, onde pasará o seu exilio en Arxentina e Estados Unidos. Regresou a España en 1962, onde realizou varias exposicións. En 1982 recibe a Medalla de ouro das Belas Artes, concedida polo Ministerio de Cultura. Finou en Madrid en 1995, a idade de 93 anos.

Guía Postal de Lugo

A Rede Museística Provincial de Lugo custodia na actualidade 7 cadros da pintora lucense, 6 deles expostos, entre os que se encontra un dos máis famosos, Guía Postal de Lugo. Este cadro pintado por Maruja Mallo foi realizado en 1929 por encargo da Deputación de Lugo para ilustrar as páxinas do libro Lugo y su provincia (Libro de Ouro). Nesta pintura a artista ofrece a súa visión de Lugo a través dun collage de diversos lugares da provincia, a modo de postais superpostas. Mestura modernidade e tradición, co seu propio imaxinario, dando lugar a unha obra moi rica en significados e matices, onde o real fúndese co irreal.

30 de xaneiro de 2017 | 18:35 • Sen comentarios

Comentarios pechados.