publicidade hoxe

A Xunta traslada ao Concello de Viveiro o seu compromiso de traballar todas as alternativas co obxectivo de consensuar a configuración da variante

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaViveiro
A-
A+

A Xunta de Galicia trasladoulle hoxe ao Concello de Viveiro o seu compromiso de traballar e analizar tecnicamente todas as alternativas que poida haber en canto á configuración da variante desta vila.

O director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, mantivo esta mañá unha xuntanza coa alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, na que participaron técnicos de ambas as administracións e na que se trataron diferentes asuntos de interese para este municipio da Mariña lucense.

Menéndez confirmou a determinación da Xunta de traballar para desbloquear a variante de Viveiro a través do acordo coa Administración local e sinalou que se lle informará dos avances que se produzan con ese obxectivo.

O director da Axencia Galega de Infraestruturas trasladoulle á alcaldesa de Viveiro que os técnicos autonómicos consideran que o trazado proposto no ano 2006 non é axeitado, xa que carece do enlace de Viveiro Centro, incorporado no trazado aprobado en 2013, e que mellora a funcionalidade da Variante e a súa captación de tráfico.

Sen embargo, e dada a aposta do Goberno galego por sacar adiante a actuación de forma acordada, procuraranse novas solucións alternativas, ben variando os parámetros de trazado para axustarse ao terreo e minimizar as afeccións, ou ben buscando outros puntos por los que se poda discorrer. O obxectivo é impulsar unha actuación de consenso, eficiente e viable.

Na xuntanza, abordouse tamén a situación da Planta de Vestas e os informes necesarios da administración de estradas da Xunta, co compromiso da Axencia de Infraestruturas de prestar asesoramento técnico ao Concello sobre este asunto.

Finalmente, desde a Xunta trasladouse que se ten estudado a moción aprobada no pleno municipal sobre a colocación de barreiras para mellorar a seguridade viaria no paseo de Viveiro, considerándose posible. Por ese motivo, a Axencia Galega de Infraestruturas traballará para que esas barreiras sexan instaladas neste ano.

13 de xaneiro de 2017 | 17:11 • Sen comentarios

Comentarios pechados.