publicidade hoxe

Preséntase en Madrid o programa turístico ‘Un paseo polo Nadal de Galicia’

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGalicia exteriorLocal PortadaOurenseViveiro
A-
A+
Presentación do programa turístico en Madrid

Presentación do programa turístico en Madrid

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, presentou esta mañá o programa “Un paseo polo Nadal de Galicia”, posto en marcha polo seu departamento para promover a oferta turística da Comunidade nesta época do ano. Na presentación tamén participou o delegado da Xunta en Madrid e director da Casa de Galicia, José Ramón Ónega, o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, e a concelleira de Turismo e Comercio de Viveiro, Marisol Rey.

O programa “Un paseo polo Nadal de Galicia” aglutina numerosas actividades especiais como os beléns, salpicados por toda a Comunidade, os mercados de Nadal das sete grandes cidades; actividades de artesanía como Artenadal, en Lugo, ou Ofeitoaman, en Vigo; e de tipo cultural como o “Nadal no Gaiás” e outros eventos de música, teatro, xogos ou concursos.

Nava Castro explicou que o programa presentado propón 17 actividades belenísticas, entre as que resaltou o belén artesanal en movemento de Valga, en Pontevedra, e o belén electrónico de Begonte, en Lugo, os dous declarados Festa de Interese Turístico de Galicia.

A directora de Turismo destacou que este programa demostra que “Galicia é un destino multiexperiencial, cunha grande oferta turística para todos os públicos e ao longo de todo o ano”. En Nadal, segundo afirmou, Galicia “ofrece numerosos atractivos que a converten no destino perfecto para disfrutar de estas sinaladas datas”.

José Ramón Ónega, tras as súas palabras de benvida, sinalou que a Casa de Galicia sempre está aberta para promover e difundir “os inmensos atractivos da nosa Comunidade, e nestas datas tan familiares é fantástico que se programen actividades pensadas tanto para os maiores como os pequenos, porque o Nadal foi e será sempre para todos”.

Beléns de Nadal en Galicia

Ademais dos beléns de Nadal de Valga e Begonte, de especial relevancia por estar declarados Festa de Interese Turístico de Galicia, a Comunidade conta con recoñecidos beléns históricos como o belén xigante de Viveiro, feito a escala natural e salientable pola súa ambientación e realismo; o belén de Arturo Baltar en Ourense, formado por unhas cincocentas pezas entre as que se poden recoñecer personaxes populares da cidade das Burgas; o da Grande Obra de Atocha, na Coruña, inaugurado en 1923 e que presenta un mapa a escala de Xerusalén e conta cunha superficie de 120 m2 e 150 figuras artesanais; o belén do Edificio Liceo de Betanzos, que representa con narración gravada e movemento a historia, xeografía, etnia e actividades diversas; e o belén da Orde Terceira en Ferrol, con máis de 60 anos de historia e máis de 200 figuras con movemento.

Outros beléns que tamén se inclúen no programa como proposta para este Nadal son o da Catedral de Santiago de Compostela, o da Catedral de Tui, o de San Vicente de Cespón, en Boiro, o belén parroquial de San Marcos, en Corcubión, o belén artesanal en movemento de Gondomar, o belén familiar de Conxo, en Santiago de Compostela, e o belén de Erville, en Mos.

Así mesmo, tamén se poden visitar os beléns participantes no XXI Concurso de beléns de Ourense; as actividades do concurso de belenismo da Asociación de Belenistas de Lugo; e os participantes no 51º Concurso de beléns da Fundación Abanca, en Vigo.

14 de decembro de 2016 | 17:04 • Sen comentarios

Comentarios pechados.