publicidade hoxe

Investigan a dúas persoas como presuntas autoras de incendios forestais en Riveira e Lalín

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLalínLocal PortadaRiveiraSucesos
A-
A+

Axentes da Policía Autonómica de Santiago, en colaboración co persoal do Distrito Forestal IV- Barbanza informaron hoxe da detención dun cidadán como presunto autor dun lume forestal intencionado no concello de Riveira.

O lume que tivo lugar na parroquia de Santa Uxía, no concello de Riveira, afectou a unha superficie de 3.100 metros cadrados. Grazas ás pescudas levadas a cabo polos propios policías autonómicos e os axentes forestais, tamén se esclareceron outros 3 lumes ocorridos na zona nesas datas, sumando os catro incendios unha superficie total aproximada duns 870.000 metros cadrados. Ademais esta persoa xa foi detida como presunta autora dun incendio forestal de 172 hectáreas ocorrido no mesmo concello de Riveira no ano 2013. Polos feitos instruíronse dilixencias remitidas ao Xulgado de Primeira Instancia e Instrución en funcións de Garda de Riveira.

Ademais, axentes da mesma Unidade, en colaboración co persoal do Distrito Forestal XVI- Deza- Tabeirós, procederon á imputación dun cidadán, como presunto autor dun incendio forestal intencionado, ocorrido o día 5 deste mes na parroquia de Santa Mariña de Zobra, concello de Lalín, afectando a unha superficie rasa aproximada de 200 metros cadrados.

Esta persoa xa foi imputada neste ano por outros incendios ocorridos na zona, tendo todos eles o mesmo “modus operandi”, con varios focos de escasa entidade nas beiras dos camiños iniciados cun chisqueiro e que non chegou a afectar a unha gran superficie pola rápida actuación tanto dos veciños como dos medios de extinción.

Polos feitos instruíronse Dilixencias remitidas ao Xulgado de Primeira Instancia e Instrución en funcións de Garda de Lalín. Na actual campaña antiincendios de 2016 a Policía Autonómica xa leva investigadas ou detidas a 68 persoas por delitos relacionados con incendios forestais.

15 de decembro de 2016 | 18:03 • Sen comentarios

Comentarios pechados.