publicidade hoxe

Cores Tourís analizou cos alcaldes de Vilanova de Arousa, A Estrada e Silleda as demandas deses municipios

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA EstradaSilledaVilanova de Arousa
A-
A+

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, realizou hoxe unha visita institucional aos concellos de Vilanova de Arousa, A Estrada e Silleda onde mantivo unha entrevista cos seus alcaldes, os que lle transmitiron as principais preocupacións dos municipios en relación á actividade da administración autonómica.

O delegado territorial continúa así, tras tomar posesión do seu cargo, a rolda de visitas polos concellos dependentes da Delegación Territorial de cara a escoitar os responsables municipais e analizar as súas demandas.

En primeiro lugar, o alcalde de Vilanova de Arousa, Gonzalo Durán, analizou con Cores Tourís os traballos realizados na senda do Terrón, “que suporán un impulso importante a nivel turístico, xa que continuarán no futuro ata enlazar os concellos de A Illa, Vilanova e Cambados”, explicou Cores Tourís.

De feito, tras rematar a senda do Terrón, en breve comezará a fase da senda que unirá a ponte da Illa con Deiro. “Esta iniciativa rematarse coa execución dunha senda entre San Miguel e Cambados, enlazando así os tres concellos e facilitando así a mobilidade dos veciños e dos turistas, especialmente en época estival de cara ao acceso as praias, e garantindo a seguridade viaria”, engadiu o delegado territorial, quen recordou que “estamos a falar dunha comarca que conta cun gran atractivo turístico e cun número de visitantes moi elevado.

Outro dos temas que se analizaron foron os traballos nas concentracións parcelarias de Vilanova de Arousa. Neste senso, destacar os tres millóns de euros que a Xunta está a investir na mellora dos camiños rurais da parcelaria de Tremoedo, onde nestes intres continúase a traballar, neste caso coa apertura dun vial que enlaza as parroquias de Oubiña e Tremoedo, así como os dous polígonos que se atopan nesta área. O delegado territorial tamén avanzou ao alcalde de Vilanova que acaba de adxudicarse a obra da rede de camiños de Baión a empresa Tragsa e que os traballos comezarán nas próximas semanas.

A Estrada

Pola súa banda, o alcalde da Estrada, José López Campos, e o delegado territorial analizaron as obras que se acaban de rematar na praza de abastos da localidade e que permitiron o seu acondicionamento grazas a colaboración económica da Consellería de Industria. Tal e como avanzou o alcalde da localidade, “mañá mesmo a praza volverá a estar lista para o seu uso”.

Por outra banda, os grandes proxectos para a localidade de cara aos futuros anos están centrados, segundo apuntou o rexedor en política social, en infraestruturas como o remate da autovía a Santiago, e na sanidade. Así, “agardamos que antes de finais de ano poidamos contar xa coa empresa adxudicataria do proxecto de execución da Escola Infantil, o que permitiría que as obras puideran comezar a principios do próximo ano”. Deste xeito, segundo apunto José López, “A Estrada contará cunha infraestrutura social que permitirá conciliar a vida familiar e laboral ofrecendo unha ratio de cobertura de prazas de gardería por encima da media galega, é dicir, de case o 40%”.

En relación a sanidade, recordou o compromiso do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, e do conselleiro do ramo, co municipio, de cara a construción do novo centro de saúde. “Xa temos unha proposta para a redacción do proxecto e agardamos que este estea listo a mediados do próximo mes de xaneiro”, explicou o rexedor.

Para o alcalde, tamén van ser moi importantes nos próximos catro anos, os proxectos que se xestionen a través do Grupo de Desarrollo Rural do Deza-Tabeirós (GDR), xa que contará con 3,7 millóns de euros para xestionar a través dos concellos tanto proxectos non produtivos encamiñados á administración, como non produtivos, destinados ao tecido empresarial, “e sabemos que a labor do delegado territorial vai ser moi importante tanto para colaborar como para asesorar neste eido”.

Silleda

Finalmente, o rexedor de Silleda, Manuel Cuíña, analizou con Cores Tourís as subvencións concedidas a este municipio durante o presente ano e que, na súa maioría, están a piques de rematar ou xa rematadas e en proceso de xustificación. Dentro de este grupo de axudas destacan a construción dunha nave no polígono empresarial grazas á colaboración da Consellería de Economía e Industria, así como a instalación de tres caldeiras de eficiencia enerxética, a construción de pistas de padel, a posta en marcha do actual obradoiro ou a execución das obras do Plan Marco.

Manuel Cuíña trasladou a Cores Tourís o seu interese porque a colaboración coa administración autonómica sega a ser similar nos próximos catro anos, en especial, no eido das infraestruturas agrarias, “xa que somos conscientes de que a Xunta de Galicia quere apostar polo rural e, por iso, agardamos que tamén aposte por Silleda”.

29 de novembro de 2016 | 17:05 • Sen comentarios

Comentarios pechados.