publicidade hoxe

A Xunta concede aos Concellos do Barbanza unha axuda de 114.000 euros para financiar o servizo de atención temperá a menores con necesidades especiais

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLousameMurosNoiaOutesPorto do Son
A-
A+

O delegado territorial de Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, visitou esta mañá o Concello de Lousame e anunciou a concesión dunha axuda de Política Social que irá destinada ao financiamento do servizo de atención temperá de menores con necesidades especiais que funciona no municipio de Noia para atender a usuarios de Lousame, Porto do Son, Noia, Outes e Muros.

A subvención, incluída no marco da Rede Galega de Atención Temperá, suma 114.000 euros, e ten como finalidade a implantación de servizos de atención a menores de 0 a 6 anos, á súa familia e ao seu contorno, co obxectivo de dar resposta o antes posible ás necesidades transitorias ou permanentes que poden presentar os nenos e nenas con trastornos no desenvolvemento ou en risco de padecelos.

Segundo explicou Ovidio Rodeiro, con esta axuda pioneira da Xunta trátase de apostar por un modelo de servizo baseado na prevención e na promoción da autonomía persoal e na inclusión social mediante a prestación dos servizos na proximidade das familias e nos contornos naturais da vida dos nenos e nenas.

Obradoiro de emprego

O delegado territorial aproveitou tamén a visita desta mañá para coñecer, xunto coa alcaldesa Teresa Villaverde, os traballos que están a realizar os 20 alumnos do obradoiro de emprego que comparten os concellos de Noia e Lousame. O taller, cun investimento da Xunta de preto de 180.000 euros, forma aos participantes na especialidade de instalación e mantemento de xardíns e zonas verdes e na especialidade de operacións auxiliares de acabados ríxidos e urbanización.

Actualmente, na contorna do Barbanza están a funcionar catro obradoiros de emprego. Ademais do de Noia e Lousame, vinte alumnos de Ribeira e Porto de Son fórmanse nas especialidades de pintura industrial en construción e actividades auxiliares en viveiros, xardíns e centros de xardinería; e outros vinte de Rianxo traballan en instalación e mantemento de xardíns e zonas verdes e fábricas de albanelería. Ademais, no Concello de Boiro está actualmente en marcha un obradoiro de garantía xuvenil no que participan 15 mozos en diferentes actividades en viveiros, xardíns e centros de xardinaría.

En total, o investimento da Consellería de Economía, Emprego e Industria nestes obradoiros suma máis de 720.000 euros.

Neste senso, o delegado territorial da Xunta fixo especial fincapé no esforzo que está a realizar a Xunta para axudar aos concellos na contratación de persoas desempregadas e con dificultades para a inserción no mercado laboral. A modo de balance, asegurou que nos municipios do Barbanza as liñas de cooperación postas en marcha nos últimos meses suman 400.000 euros.

30 de novembro de 2016 | 17:34 • Sen comentarios

Comentarios pechados.