Xián Lois Alcayde presenta a súa primeira obra “Camiños na sombra”, gañadora do Premio Balbino de Relatos

Presentación de “Camiños na sombra”
Valentín García Gómez, secretario xeral de Política Lingüística, participou este serán na entrega do I Premio Balbino de Relatos que se celebrou na coruñesa Casa Museo Casares Quiroga. O galardón -promovido pola empresa silledense Técnicas & Gramaxe S.L. co apoio da Fundación Neira Vilas, da Secretaría Xeral de Política Lingüística, dos concellos de Vila de Cruces e de Boqueixón e mais da Deputación de Pontevedra- recaeu no escritor Xian Lois Alcayde Dans polo conxunto de narracións “Camiños na sombra”. O premio está dotado con 1.500 euros e mais coa publicación da obra por Edicións Fervenza, que a presentou no mesmo acto.
García Gómez felicitou o galardoado e dixo sentirse moi satisfeito de facer público o primeiro resultado dun premio que leva o nome dun persoeiro tan relevante da lingua e da cultura galegas. “Toda unha xeración medrou identificándose co Balbino de Neira Vilas e naceu á lectura en galego da súa man”- dixo- “e ese espírito de promoción da lingua propia de Galicia e dunha narrativa que, no noso idioma, fala de nós mesmos é o que queremos alentar con este certame”.
O secretario xeral de Política Lingüística estivo acompañado no acto, ademais de polo premiado, por Luís Reimóndez, presidente da Fundación Xosé Neira Vilas; por Xosé Leal, deputado de Cultura de Pontevedra; por Manuel Núñez, responsable de Edicións Fervenza; e mais por Armando Requeixo, membro do xurado.
Participación e calidade
A I edición do Premio Balbino de Relatos contou cunha alta participación. Recibíronse 30 orixinais, tanto conxuntos de relatos como novelas que, a dicir dos membros do xurado, contaron cunha “calidade literaria estimable” e mostraron “gran riqueza léxica e fraseolóxica”. Entre todos eles, optouse, por unanimidade, polo traballo “Camiños na sombra”, presentado baixo o lema Montegroso e que resultou ser da autoría de Xian Lois Alcayde Dans.
Valorouse especialmente a orixinalidade e a modernidade das súas 15 narracións en que “o rural galego é contemplado cunha visión plenamente actual”. Trátase de relatos “por veces duros”, “protagonizados por personaxes moi ben perfilados e con finais sorprendentes e impactantes, que fan da súa lectura unha experiencia do máis estimulante”. O xurado destacou tamén a súa “elaboración estética indubidable”, as influencias de autores da nosa e doutras tradicións, así como do universo cinematográfico e musical.











