A Xunta inicia as obras de reforzo de firme nun treito da estrada OU-212 ao seu paso por Avión e Beariz
A Consellería de Infraestruturas e Vivenda, a través da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), inicia hoxe as obras de reforzo de firme na localidade ourensá de Avión, na estrada OU-212, que contan cun orzamento de case 45.000 euros. Estes traballos teñen un prazo de execución de dous meses e foron adxudicados á empresa Construcciones Taboada y Ramos, S.L.
Esta actuación consiste na rehabilitación superficial localizada do firme nos tramos da estrada OU-212 que presentan deformacións situadas entre o inicio da travesía de Avión, punto quilométrico 20+535; e a intersección co vial da Deputación a Beresmo (PK 22+080). Executarase o fresado das deformacións e a súa posterior reposición. Así, na xornada de hoxe levarase a cabo a pavimentación prevista.
A obra complétase coa mellora da sinalización horizontal e vertical dos pasos peonís existentes na travesía e tamén da intersección coa estrada provincial a Beresmo. Estas accións faranse a finais deste mes.
Nesta estrada xa se levaron a cabo este ano melloras importantes noutro tramo, e, proximamente, preveese acometer unha nova obra como o reforzo de firme localizado nas estradas OU-402, nos puntos quilométricos 30+740-33+900; e na OU-212 (PQ. 0+000-6+250), xa rematada, onde se actuou nos primeiros 6,25 quilómetros da estrada, no Concello de Beariz, nos que se investiron máis de 150.000 euros.
Así mesmo, a finais deste mes está previsto iniciar o reforzo de firme localizado na OU-402, OU-212 e OU-404, adxudicado a Misturas, Obras y Proyectos por case 400.000 € e co que se intervirá entre os PKs 6+250 e 8+820, nos que se investirán máis de 53.000 €.