publicidade hoxe

O voceiro do PP en Sada declara por denuncias supostamente non tramitadas cando foi alcalde

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaSada
A-
A+
Europa Press

O exalcalde de Sada (A Coruña) e actual voceiro do grupo municipal do PP neste municipio, Ernesto Anido, prestará declaración este luns, día 5, no Xulgado de Instrución número un de Betanzos, en calidade de investigado, por un suposto delito de infidelidade en custodia de documentos.

Segundo informa o Partido Demócrata Sada Popular (PDSP), creado polo exalcalde da localidade e exmilitante do PP, Ramón Rodríguez Ares, farao por, presuntamente, non tramitar denuncias da Policía Local contra establecementos de hostalaría que incumpriran a ordenanza municipal de horarios. Posteriormente ao alcalde declararán catro policías.

Nun comunicado, o PSDP recorda que Anido ten abertas outras causas “por presuntas irregularidades cometidas durante a súa xestión” e, en concreto, apunta á denuncia que esta formación formulou no seu día “polos reiterados contratos adxudicados por Ernesto Anido ao arquitecto que traballara para a súa promotora inmobiliaria”.

Así mesmo, sinala que, en marzo deste ano, o xulgado solicitou documentación ao Concello de Sada sobre estes procedementos. Entre outras causas contra Anido, o PDSP cita tamén outra “por presuntas irregularidades na contratación dunha coordinadora xeral” na Casa do concello.

“PERSECUCIÓN POLITICA”

En declaracións, Ernesto Anido cualificou de “persecución política” as denuncias promovidas polo PDSP, mentres que vinculou as mesmas coa “forma de facer política” dos seus concelleiros.

“Eles si que foron xulgados, condenados e inhabilitados,”, sinalou sobre a sentenza que inhabilitou ao que foi concelleiro deste partido, Ramón Rodríguez Ares para o exercicio de emprego ou cargo público por non executar, cando era rexedor, unha sentenza de 1992 que obrigaba ao derrubamento parcial da cafetaría El Náutico.

Por outra parte, Ernesto Anido manifestou que non ten “constancia” de que se determinara a apertura de xuízo oral por algunha das causas abertas, mentres que recordou que xa se lle arquivaron ata o momento “cinco”.

2 de setembro de 2016 | 16:42 • Sen comentarios

Comentarios pechados.