O Servizo Lúdico Educativo rexistrou un total de 86 solicitudes
O prazo de inscrición no Servizo Lúdico Educativo da Concellería de Educación de Silleda, que dirixe Pili Peón, rematou hoxe cun total de 86 solicitudes presentadas. Para o servizo durante o curso presentáronse 58 peticións, ao igual que para o campamento de Nadal, mentres que outras 60 corresponden á reserva no campamento de verán
No tocante ao servizo no CEIP Ramón de Valenzuela da Bandeira, para os que se ofertou o servizo nas vacacións de Nadal e de verán, hai 20 solicitudes para o campamento de verán e outras 11 para o que se celebrará durante as vacacións de decembro. Neste caso precísanse 25 inscricións como mínimo.
O Programa Lúdico Educativo de Apertura de Centros Educativos Públicos fóra do horario lectivo, está destinado ao alumnado de Primaria, de 3 a 12 anos de idade.
Tendo en conta o número de inscricións para participar durante o curso lectivo, o servizo contaría cunha lista de agarda de 18 persoas (ofértanse 40 prazas en total).
Ao igual que o pasado ano, neste prazo de inscricióno formulario incluíu tamén a posibilidade de reservar xa a praza para os campamentos de Nadal e de Verán, realizando todo na mesma inscrición e evitando así aos usuarios ter que realizar máis trámites.
Axudas ao transporte ata o día 31
Por outra banda a Concellería de Educación mantén aberto ata o mércores día 31 o prazo de solicitude das bolsas para o transporte, destinados a universitarios/as e estudantes de ciclos formativos que cursen estudos oficiais en algún dos Campus e/ou institucións da Comunidade Autónoma.
O importe máximo da subvención por beneficiario/a será de 450 euros, para todo o curso 2016/2017.
Tamén ata o mércores se poden solicitar as axudas á compra de libros e material escolar para as familias con menos recursos.











