O Esmorga Folk e as actividades para os máis novos protagonizarán o programa festivo do venres na Bandeira
O coñecido como prado de Valladares acolle mañá venres unha nova edición do Esmorga Folk, unha das citas máis veteranas en Galicia coa música tradicional. O Esmorga chega á súa 28 edición cun cartel formado por 4 grupos.
Polo escenario da Bandeira desfilarán a partir das 23:00 horas Tanxugueiras, de Luou (Teo); os compostelanos Tres Pesos; Melidaos, de Melide, que repiten no festival e tamén Quempallou, un dos grupos máis coñecidos da escena tradicional galega.
A cita convértese este ano tamén nunha homenaxe póstuma a José María Codesido, transportista falecido en accidente en novembro do pasado ano.
Veciño da localidade de Dornelas era amante da música tradicional, paixón que inculcou aos seus fillos. “Sempre disfrutaba coa música tradicional e falaba orgulloso da súa terra alá onde iba”, explica Ana Codesido, organizadora do certame e filla do homenaxeado.
Música 100% tradicional
O Esmorga Folk, que nesta edición contará ademais cunha orixinal escenografía (cun camión antigo), distínguese por contar con formacións de música cen por cen tradicional, con instrumentos coma a gaita, bombo, tambor, e percusións tradicionais (pandeireta, pandeiro, cunchas, cucharas…). “É voltar ao espírito das antigas foliadas coa música do país”, indica Codesido.
Xogos, Palabras Máxicas e Tiro á corda
A xornada de mañá venres terá, ademais da música folk, aos máis novos como protagonistas. Así, a partir das 16:30 horas, na rúa Xeral da Bandeira haberá xogos e actividades para os máis pequenos. Ás 19:00 horas chega tamén na citada rúa o espectáculo Palabras Máxicas, do programa ‘Galicia culturea. Cultura e lingua no verán’, promovido pola Secretaría Xeral de Política Lingüística.
O mago Dani García conducirá esta sesión na que a través da maxia e da cultura galega os asistentes coñecerán máis en profundidade a historia da Festa da Empanada, nunha cita interactiva.
Tamén sobre as 19:00 horas comezará polos bares da localidade a VI Ruta da Empanadilla,como aperitivo da gran cita do sábado coa 42 Festa da Empanada na carballeira da Bandeira.
A sesión de xogos na rúa Xeral rematará cunha nova edición do Campionato Interparroquial de Tiro á Corda.











