publicidade hoxe

Medio Ambiente licita por 200.000 euros as obras de mellora do abastecemento nos concellos de Bande e Verea

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBandeVerea
A-
A+

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución pola que se licitan as obras de mellora da rede de abastecemento nos concellos de Bande e Vera, por un importe de case 200.000 euros.

Tras a sinatura dos convenios de colaboración entre a Consellería de Medio Ambiente e senllos concellos, avánzase un novo paso coa licitación destes contratos de obra en materia hidráulica, cuxas ofertas se poderán presentar ata o vindeiro 27 de setembro.

A actuación que se pretende levar a cabo en Bande ten por obxectivo principal mellorar o abastecemento en Corvelle. O proxecto, que a Xunta licita por un impote total de 99.687,40 euros, busca incrementar e mellorar a garantía de subministro de auga e a capacidade de regulación desta parroquia, para o que se realizarán as obras necesarias en materia de captación e de regulación e transporte de auga. Con estas modificacións, a nova rede terá capacidade para dar servizo a unha poboacións de ata 240 habitantes.

A parroquia de Corvelle dispón dun antigo depósito regulador de escasa capacidade, no que son frecuentes as fugas. Ademais, as captacións existentes están colmatadas. Por iso, as obras consistirán no aproveitamento de dous novos afloramentos mediante cadansúa captación por avenamento do terreo. Executarase tamén un novo depósito de abastecemento de 75 metros cúbicos, que será de formigón armado.

Mellora do abastecemento en Verea

No caso da actuación en Verea, preténdese garantir aos veciños da parroquia de San Martiño un sistema de abastecemento axeitado, necesario debido á escaseza de auga detectada na captación que serve á comunidade, cuxa demanda se incrementa en época estival. Augas de Galicia licita a actuación por un importe de 87.055,10 euros.

Na captación construiranse gabias drenantes que recollerán a auga e conducirana ata unha arqueta de distribución. Dende este punto levarase a auga mediante unha tubaxe de abastecemento polo monte comunal e polas marxes de diversas pistas devasas e forestais, ata conectar co depósito existente.

No depósito existente construirase unha caseta pegada á cámara de chaves na que se instalará un equipo dosificador de hipoclorito por enerxía eléctrica para garantir a potabilización da auga. Ademais existirá un sistema eléctrico por enerxía solar, para alumeado da cámara de chaves e funcionamento do citado equipo dosificador, composto por paneis fotovoltaicos instalados enriba do teito do depósito.

Tamén se realizará a conexión dende este depósito coa rede de distribución existente na cabeceira do núcleo de Casal de Bispo, mediante a colocación dunha tubaxe de abastecemento. Finalmente, para protexer a rede de abastecemento actual, ante a gran diferenza de presión estática que se presenta ao conectar o depósito con esta parte da rede de distribución, instalarase un equipo de válvula redutora de presión.

Ambas obras están cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) e teñen un prazo de execución de tres meses.

En resumo, este tipo de colaboracións garanten a subministración de auga en calidade e cantidade á cidadanía e dan cumprimento á Directiva Marco da Auga; colabórase coas entidades locais para mellorar a rede de abastecemento secundaria; e garántese o abastecemento e regulación dos recursos hídricos en calidade e cantidade coa realización das obras de infraestrutura necesaria, velando así mesmo polo seu consumo responsable e fomentado o seu aforro.

23 de agosto de 2016 | 17:03 • Sen comentarios

Comentarios pechados.