publicidade hoxe

A VI Festa do Tractor contará cun roteiro de clásicos o 11 de setembro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioSilleda
A-
A+

Silleda volve acoller unha nova edición da ruta de tractores clásicos, organizada dende a Asociación Galega de Maquinaria Agrícola Clásica. A cita será o vindeiro domingo día 11 de setembro e comezará sobre as 10:30 coa concentración de tractores clásicos xunto á ferveza do Toxa, na parroquia de Pazos.

A continuación, os participantes iniciarán a ruta ata Xestoso, pasando pola Bandeira, Rellas e Escuadro. En Xestoso, onde está previsto que remate o periplo sobre as 12:30 horas expoñeranse os tractores  clásicos participantes.

Dado que este ano o certame se caracterizou como Festa do Tractor, na cita que alcanza a sexta edición, poden  participar todos aqueles agricultores que o desexen.

Ademais de poñer en valor os históricos vehículos relacionados co noso agro, esta iniciativa tamén ten como obxectivo a promoción de enclaves turísticos do municipio. Así, o pasado ano os tractores antigos chegaron a Xestoso dende o mosteiro de Carboeiro, nunha edición na que participaron un total de 52 vehículos.

Na ruta silledense está prevista a participación de tractores antigos restaurados chegados dende distintos puntos da xeografía galega, predominando localidades das provincias de Pontevedra e de Lugo.

A entidade organizadora continuará a súa actividade o domingo 18 de setembro, coa realización dun tramo do camiño real entre O Cebreiro e Lugo.

25 de agosto de 2016 | 17:01 • Sen comentarios

Comentarios pechados.