publicidade hoxe

TI Automotive destaca que terá traballo para 10 anos e poderá chegar a 100 empregados

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaO Porriño
A-
A+
Europa Press
Francisco Conde no acto do 25 aniversario de TI Automotive

Francisco Conde no acto do 25 aniversario de TI Automotive

A empresa TI Automotive, provedora do sector da automoción, destacou que coa adxudicación de tres proxectos industriais, dous do grupo PSA e un de Nissan, a planta do Porriño (Pontevedra) ten garantida carga de traballo para os próximos 10 anos e poderá ampliar o persoal até os 100 traballadores.

Así o anunciou este venres durante o acto de celebración do 25 aniversario da planta, o plant manager de TI Automottive en Galicia, Francisco Yáñez, que especificou que os proxectos adxudicados son o K9 e o CMP do grupo PSA e o B02E de Nissan.

Con estes tres proxectos, que están relacionados con circuítos de freo, a empresa prevé incrementar a súa facturación até os 15 millóns de euros, aínda que o investimento que realizará aínda está por concretar. Ademais, non se descarta que se vaia a ampliar a nave do Porriño, o que dependerá en todo caso do tamaño da maquinaria que precisen os proxectos.

Yáñez destacou que estes traballos supoñen “unha excelente noticia para O Porriño, para Galicia e para o propio sector” e vinculou a súa consecución ao “traballo ben feito” nunha planta que, engadiu o director xeral do grupo en España, Óscar Bercero, é considerada “a máis eficiente das 23 en Europa e unha das tres mellores a nivel mundial” dentro do grupo.

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, tamén participou neste acto, no que apuntou que os factores “crave” para que esta compañía sexa “puntal da expansión global da industria de compoñentes galega” son “a unión e o traballo en equipo”, así como o compromiso coa calidade seguindo “os requisitos máis esixentes”.

22 de xullo de 2016 | 16:29 • Sen comentarios

Comentarios pechados.