publicidade hoxe

Rosa Quintana enxalza a labor do centro A Aixola na formación de carpintería de Riveira

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaMarínRiveira
A-
A+
Rosa Quintana na Escola Naval de Marín

Rosa Quintana na Escola Naval de Marín

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, fixo entrega esta mañá á Escola Naval de Marín dunha embarcación restaurada no centro de formación A Aixola, dependente da Consellería do Mar. Alí destacou a tradición do centro no eido da dinamización e conservación do patrimonio marítimo e reivindicou o bo saber facer da Aixola na formación de carpintería de Riveira.

Neste sentido, subliñou que este centro sabe conxugar un concepto clásico de formación no traballo cunha importante capacidade innovadora, tanto nas áreas tradicionais de construción naval en madeira e velaría como nas máis actuais de composites e plásticos técnicos e tamén de redes, embarcacións pneumáticas e instalación e mecánica. Esta complementariedade na formación, sinalou a titular de Mar, tradúcese nos labores de reparación, mantemento, restauración ou creación de novos produtos que pon a disposición da contorna ou da propia Consellería.

En relación á embarcación rehabilitada, Rosa Quintana, destacou a súa vocación de adestramento e instrución mariñeira e que contribúe a incrementar o número de embarcacións patrimoniais en Galicia. Ademais agradeceu o labor dos alumnos dos cursos de carpintería de Riveira que participaron na rehabilitación dirixidos polo seu mestre carpinteiro Santiago Cancelas e que e adquiriron neste traballo, coñecementos, habilidades e destrezas para o exercicio desta profesión. Tamén agradeceu a confianza da Armada para a rehabilitación desta embarcación.

A embarcación e A Aixola

A embarcación da Escola Naval de Marín rehabilitada é un bote mixto remo-vela, construída no Estaleiro Lagos de Bouzas a mediados do século XX. Tivo como misión máis importante o adestramento e instrución mariñeira na gran maioría dos centros da Armada. Tamén serviu como barco de aprendizaxe de remo e vela tradicional.

Foi restaurada na Aixola, centro que naceu no 1997 co principal cometido de mellorar cualificación profesional dos traballadores e traballadoras do sector marítimo-pesqueiro. Imparte cursos de balde e que non requiren matrícula nin ter estudos iniciais para o acceso. Estes cursos están relacionados co poliéster e os distintos tipos de fibras, coa construción e reparación naval empregando madeira, co mantemento e instalación de pequenos motores e a introdución de electricidade básica en barcos pequenos. Tamén forma aos profesionais do mar na elaboración e reparación de velas e embarcacións pneumáticas, no oficio das redeiras e en accións relacionadas co polietileno e polipropileno.

De feito o centro ten unha alta eficiencia na colocación e contribúe á formación permanente para conseguir emprego e novas capacidades profesionais. Así o amosa unha enquisa realizada a finais de 2015 que reflicte que de 89 alumnos que recibiron accións de capacitación, seis meses despois un 73% estaba traballando e deles, un 57% fano en actividades relacionadas coa formación que se lles impartiu.

8 de xullo de 2016 | 12:37 • Sen comentarios

Comentarios pechados.