publicidade hoxe

Rey Varela anuncia 5 novas prazas para discapacidade en Noia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaNoia
A-
A+

O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, acompañado pola directora xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Coro Piñeiro, visitou no día de hoxe a Asociación Misela de persoas con discapacidade das comarcas de Noia e Muros. Alí, o conselleiro ratificou o compromiso da Xunta coas persoas que teñen algunha discapacidade, así como coas entidades de toda Galicia que traballan pola integración familiar, escolar, social e laboral destas persoas. Neste eido, o responsable da carteira social do Goberno galego, anunciou que neste ano 2016 a Consellería de Política Social porá a disposición dos galegos 5 novas prazas de atención á discapacidade nesta área. Na súa estadía no concello noiés, o conselleiro tamén visitou o servizo de atención temperá municipal “para os nenos e nenas que máis precisan esa atención que pode corrixir situacións futuras”.

Rey Varela fixo fincapé nas súas verbas que, a partires de agora, as entidades prestadoras de servizos sociais como Misela, contarán cun escenario de actuación máis flexible que lles permitirá “desenvolver novas actividades, dinamizar o seu traballo e optimizar os recursos dispoñibles”. Así, o Consello da Xunta aprobou no día de onte o decreto mediante o cal se establecen os requisitos de funcionamento dos servizos para a promoción da autonomía e a atención ás persoas en situación de dependencia. Unha norma innovadora, dixo o conselleiro, “que ampliará a esfera de servizos que se poñen a disposición das persoas con dependencia e aumentará a posibilidade de actuación das entidades e empresas do sector, permitindo unha maior optimización dos seus recursos no ámbito dos servizos sociais”.

Nesta liña, o conselleiro gabou o traballo da Asociación Misela que procura a promoción da autonomía e a integración das persoas con discapacidade a través da mellor atención, así como o asesoramento, a defensa dos dereitos, a prevención de posibles discapacidades, a inclusión laboral e o exercicio físico destas persoas. Todos eles, dixo o conselleiro, “son obxectivos que compartimos desde a Xunta de Galicia”.

A Asociación Misela de persoas con discapacidade das comarcas de Noia e Muros conta con 359 persoas asociadas e arredor de 48 usuarios. Neste momento ten en funcionamento un centro de día de 20 prazas e un centro ocupacional de outras 10 prazas, ambos dirixidos a persoas con discapacidade maiores de 16 anos.

15 de xullo de 2016 | 17:35 • Sen comentarios

Comentarios pechados.